18-F

Besteiro reivindica o deporte e a natureza como motor económico do turismo sustentábel

"O Partido Socialista apoiará o turismo responsábel e a Economía Azul, un modelo que pon no centro o respecto ao medio ambiente e estende a chegada de visitantes ao longo de todo o ano", afirma.
José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, en Valdoviño. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, en Valdoviño. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou esta cuarta feira o deporte e a natureza como motor económico do turismo sustentábel e comprometeuse a apoiar a creación dun Centro de Alto Rendemento de Surf na Frouxeira (Valdoviño), que promoverá como capital mundial deste deporte.

Besteiro, que iniciou esta cuarta feira os actos de campaña cunha visita á praia da Frouxeira, en Valdoviño, onde varios socialistas aproveitaron para facer surf, comprometeuse a apostar por levar a cabo políticas que potencien a combinación de "deporte e natureza" na promoción dun novo modelo turístico que favoreza a creación de calidade e a fixación de poboación no territorio.

"O Partido Socialista apoiará o turismo responsábel e a Economía Azul, un modelo que pon no centro o respecto ao medio ambiente e estende a chegada de visitantes ao longo de todo o ano", afirmou. Besteiro fixo estas declaracións no marco dunha visita ao concello de Valdoviño, municipio de referencia no surf.

Precisamente, as praias de Frouxeira e Pantín acollen as dúas probas máis importantes para este deporte a nivel nacional: o campionato estatal de Surf e o Pantín Classic, proba do circuíto mundial desde hai 35 anos. O peso do surf en Valdoviño favorece a actividade de 15 empresas, o que contribúe a desestacionalizar o turismo ao desenvolvemento económico do municipio.

Acompañado polo alcalde, Alberto González, dos membros da candidatura pola Coruña, Patricia Iglesias e Aitor Bouza, así como coa presenza de empresas e escolas vinculadas ao surf, Besteiro puxo a Valdoviño como exemplo da "aposta por un turismo sustentábel" e lembrou que "os socialistas están en liña coa Axenda 2030" e o Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel, "eses que tanto lle molestan a Abascal, o socio do PP".

Deste modo, puxo en valor un modelo que aproveita os recursos da zona e dá conta da importancia que o deporte da natureza pode ter para revitalizar zonas rurais, cun turismo desestacionalizado e respectuoso co medio ambiente. Con todo, reafirmou o seu compromiso "con desenvolver políticas públicas en ámbito do deporte coas que abordar o reto demográficos e xerar máis e mellor emprego". Nesta liña, sinalou que "o surf é o deporte olímpico e Galiza pode ser unha potencia". "E imos facelo no trail, ciclismo, escalada ou trekking, entre outros", explicou.

"Temos no deporte unha aliado clave", remarcou para lembrar que "o deporte é unha actividade de interese xeral e un importante facilitador do desenvolvemento sustentable, ao que se suma a súa contribución á saúde, á igualdade real entre home e mulleres, a educación, inclusión social e o desenvolvemento das comunidades e loita contra o cambio climático".

Precisamente, o candidato socialista comprobou como en Valdoviño varias asociacións deportivas da localidade realizan iniciativas a favor da eliminación da contaminación mariña en colaboración co Concello. Valdoviño tamén é un referente a nivel mundial por facer accesíbel o surf ás persoas con discapacidade, pois Pantín acolleu o campionato europeo de seleccións paralímpicas e o Pantín Classic é un dos dous poucos campionatos do circuíto oficial, no que os premios son iguais para homes e mulleres. "Os socialistas apostamos polo deporte inclusivo e o que se fai neste municipio é o camiño que seguiremos desde a Xunta", sinalou.

Centro de alto rendemento

Ademais, na súa visita comprometeuse a apoiar a creación na localidade dun Centro de Alto Rendemento de surf, para facer do concello "a capital mundial deste deporte". "Os socialistas imos traballar para seguir avanzando en proxectos que promovan e poñan en valor a actividade deportiva, así como para crear novos espazos de formación en deporte e outras infraestruturas deportivos de uso turístico", apuntou. "Xestionaremos o Centro de Alto Rendemento co Consello Superior de Deportes e será unha realidade baixo o Goberno socialista na Xunta", concluíu.

Esta visita enmárcase nos actos de campaña que realiza o candidato socialista por toda Galiza. Precisamente, esta cuarta feira, o autobús que acompaña o candidato puido verse parado na autoestrada cando era sometido a un control ordinario de tráfico por parte da Garda Civil. Após uns minutos parado, o vehículo retomou a marcha con normalidade e sen ningunha incidencia.

Comentarios