A Xunta anuncia a construción da residencia de maiores de Ribeira que freou co BNG só cinco días despois da moción de censura

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou a súa localidade natal canda a nova alcaldesa, María Sampedro, onde avanzou que se reservará un millón de euros nos orzamentos para licitar o proxecto. O BNG de Ribeira denuncia que o cambio de parecer da Xunta responde a "intereses políticos".
María Sampedro e Fabiola García este 18 de outubro en Ribeira. (Foto: Xunta da Galiza)
María Sampedro e Fabiola García este 18 de outubro en Ribeira. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou este sábado de que a Xunta da Galiza licitará a través dos orzamentos de 2026 o proxecto para construír a futura residencia de maiores de Ribeira (O Barbanza), iniciativa para a que o Goberno galego reservará un millón de euros.

Fabiola García, que estivo acompañada pola alcaldesa, María Sampedro, explicou que se licitará este novo centro residencial tan pronto como os técnicos da Consellaría avalíen os posíbeis emprazamentos presentados pola Administración local.

Infraestrutura "estratéxica"

Deste xeito, o Executivo autonómico retoma unha actuación que considera "estratéxica" tras frear o pasado mes de xuño a súa construción "alegando sen probas", censurou entón o daquela alcalde, Luís Pérez Barral, "que o terreo das Saíñas non é válido". "Un argumento que non se sostén –sinalou– pois non existe normativa que impida a súa urbanización".

Porén, García confirmou este sábado que Saíñas fica descartado polos cambios na normativa estatal con respecto ás zonas inundábeis que se introduciron tras a DINA, unha mudanza que no momento en que a Xunta anunciou a paralización do proxecto, aínda "non existe" denunciara a deputada do BNG Rosana Pérez, quen tamén lembrou que a edificación, en todo caso, estaba "fóra da zona de fluxo preferente".

O BNG leva anos denunciando a falta de prazas públicas para maiores na comarca do Barbanza e esixindo solucións reailicitar s para dotar o concello dun centro de maiores que agora, só cinco días despois da moción de censura que botou os nacionalistas do Goberno local, retoma a súa tramitación. A decisión, asegura o BNG de Ribeira nun comunicado dirixido aos medios este sábado, "chega despois de meses de parálise e de escusas inxustificadas por parte do Goberno galego"; un "bloqueo", di, que responde a "intereses políticos e non técnicos e amosa un trato discriminatorio cara aos concellos con gobernos diferentes ao PP".

Bloqueo

O ex alcalde e portavoz nacionalista, Pérez Barral, lembra que solicitou en numerosas ocasións reunións coa Consellaría para desbloquear o proxecto que contaba con toda a documentación requirida agás un último informe bloqueado por Aguas da Galiza. Desde o BNG informan de que se fixeron "polo menos unhas 13 peticións, sendo todas ignoradas por Política Social".

"Anuncian o mesmo investimento sen que haxa ningún avance real. É un insulto á veciñanza"

Así, consideran que a visita realizada hoxe "con fotografía incluída e difundida, da conselleira e a nova alcaldesa" é a "mellor proba" de que a Xunta mantivo paralizado o proxecto da residencia de Ribeira "por motivos partidistas". Tras o cambio político, declarou Pérez Barral, "anuncian o mesmo investimento sen que haxa ningún avance real. É un insulto á veciñanza".

O BNG exixe que o Partido Popular deixe de usar a Xunta para atender "exclusivamente os seus fins partidistas" e goberne para todos os galegos e galegas. "Debe actuar con transparencia, equidade e respecto institucional", concluíu.

Comentarios