Os orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 son case 120 millóns de euros inferiores aos de 2025, descontada a inflación

As contas aprobadas esta sexta feira pola Xunta da Galiza para 2026 medran 2% con respecto ás do ano anterior, até os 14.240 millóns de euros. Con todo, tendo en conta o efecto da inflación, estes orzamentos son menores que os de 2025, concretamente en 119,7 millóns. 
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o 17 de outubro. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, esta sexta feira 17 de outubro. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza aprobou esta sexta feira, nunha reunión do Consello do Goberno galego de carácter extraordinario, o proxecto de lei de orzamentos para o ano que vén, que finalmente ascende a 14.240 millóns, 2% máis, o que implica unha suba menor ao aumento actual da inflación, que segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, foi de 2,9% en setembro na comparanza co mesmo mes do exercicio previo.

Desta maneira, ao ter en conta esta suba de prezos, as contas aprobadas esta sexta feira pola Xunta da Galiza para 2026 medran 2% con respecto ás do ano anterior, até os 14.240 millóns de euros. Con todo, tendo en conta o efecto da inflación, estes orzamentos son menores que os de 2025, concretamente en 119,7 millóns.

Por outra parte, aínda que o teito de gasto aprobado na Cámara galega se sitúa este ano en 14.177 millóns de euros (+1,6%), o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou que o dato sobe respecto a esta cifra en 63 millóns porque se incorporan recursos finalistas como os derivados da reprogramación de fondos comunitarios de cohesión e tamén para a recuperación contra os incendios. Neste sentido, é preciso ter en conta  que a execución das contas galegas nos últimos anos deixou boa parte das partidas sen consumir.

A pesar do aumento por baixo do ritmo de inflación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo destacar que "por primeira vez na historia" as contas do Goberno galego "superan a barreira dos 14.000 millóns de euros" e que son uns orzamentos "novos, para un novo escenario".

Ao respecto, ambos os dous representantes resaltaron a fin do mecanismo de recuperación e resiliencia, polo que "se abre un novo escenario que obriga, e as circunstancias financeiras permíteno, a facer un esforzo suplementario para poder substituír con fondos propios ese termo progresivo dos fondos europeos".

O investimento social

Nun contexto no que se suceden as protestas dos colectivos cidadás denunciando recortes nos servizos públicos, especialmente na sanidade e na educación ou en materia de coidados e dependencia, o investimento social experimenta un incremento nas contas da Xunta para 2026 de 3,1%, un porcentaxe moi próxima ao incremento do custo da vida, cunha inflación interanual que alcanzou 2,9% setembro.

Unha das principais causas de mobilización social é a situación da Atención Primaria, un apartado no que a Xunta incrementa 4,7% a partida, até os 1.747 millóns de euros, que con todo fican lonxe dos 2.020 millóns de euros que investía o bipartito entre o PSdeG e o BNG en 2009 ao ter en conta o efecto da suba de prezos (1.437 millóns de euros naquela altura, desde cando a inflación aumentou en 40,5%).

A oposición no Parlamento da Galiza considera escasa a suba da partida destinada ao servizo de atención no fogar (SAF) en 10 millóns de euros. Neste sentido, cómpre ter en conta que actualmente os municipios galegos, sen ter competencia na materia, están a financiar 30% do custo do servizo, mentres que as propias persoas usuarias asumen 11%.

Corgos destacou a partida de 68 millóns para consolidar o modelo de escolas infantís gratuítas dunha Xunta que segue igualando a pública coa privada e que obriga os concellos a custear boa parte do servizo no caso das municipais, así como os 3 millóns destinados para os comedores. Ademais, o Goberno galego limita a 15% a dedución relativa á compra de libros e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda da persoas físicas (IRPF), cun máximo de 105 euros por fillo matriculado, o que contrasta coa gratuidade destes libros durante o bipartito.

"Repercutirá nos servizos"

O BNG criticou o proxecto de orzamentos para 2026 porque "nace recortado nas cifras e fracasado nas propostas". Neste sentido, Noa Presas advertiu que o incremento de 2% "nin tan sequera vai cubrir o aumento da inflación, o que repercutirá na prestación de servizos sociais".

A nacionalista considerou "absolutamente ridículo" a suba de 10 millóns de euros para o SAF "tras recortar a Xunta do PP este ano 17 millóns de euros nun servizo totalmente colapsado".  Ademais, engadiu, "o Goberno de Rueda segue sen compensar o recorte de case 2.000 millóns de euros acumulado na Atención Primaria nos últimos 16 anos". Presas tamén criticou "a falta de propostas innovadoras e as partidas insuficientes para política forestal".

Coñecidas as "primeiras grandes cifras", a deputada nacionalista volveu reprochar que a oposición teña que esperar para coñecer os datos porque "o PP obstaculiza o labor da oposición, demorando ata a segunda feira a súa entrega ao Parlamento". Así, a deputada apuntou que os aumentos en partidas concretas son "insuficientes", tendo en conta que tamén hai "unha falta de execución evidente".

"Perda de peso real"

Pola súa parte, o PSdeG criticou que os orzamentos supoñen "unha perda de peso real" na economía galega, xa que o incremento previsto de 2% "sitúase por baixo da inflación estimada". Ademais, a formación socialista criticou que as contas cheguen "sen documentación oficial" e sen entregar ao Parlamento, polo que considera que non se trata de "un proxecto real", senón de "unha serie de declaracións políticas".

30 millóns de euros para as infraestruturas de acuicultura

Unha das partidas dos orzamentos do ano 2026 máis destacadas polo Goberno galego foi a de infraestruturas acuícolas, que leva 30 dos 405 millóns de euros que a Xunta destina a investigación e desenvolvemento. Así o destacou Corgos logo de que Rueda anunciar este mesmo mes de outubro tres novas axudas, que alcanzan os 43 millóns de euros, procedentes de fondos da Unión Europea, a empresas foráneas que desenvolven na Galiza proxectos de acuicultura intensiva.

Conversión de baixos comerciais en vivendas

Ademais, os orzamentos da Xunta para 2026 prevén unha partida de 2 millóns de euros para a compra de baixos comerciais e o seu acondicionamento e reconversión en vivenda.

Por outra parte, o Goberno galego rebaixa as promesas de Rueda en campaña electoral sobre vivenda pública, cando prometeu 20.000 vivendas de protección oficial para o ano 2028.

En contraste, onte, fontes da Consellaría explicaron que a construción de 2.350 vivendas deste tipo até 2028 farase con recursos propios (onde se enmarcan os 74,9 millóns de capital de constitución da Sociedade Pública de Vivenda e agora 40 millóns máis, segundo o conselleiro de Facenda) e podendo tamén acudir ao financiamento dos bancos.

Comentarios