Besteiro chama Rueda a ser "valente" para reclamar un financiamento con máis capacidade fiscal para a Galiza

O líder dos socialistas recrimínalle ao presidente da Xunta que se negue á condonación da débeda: "Se o seu pago fose unha consellaría, sería a terceira de maior orzamento. Máis que Política Social".
José Ramón Gómez Besteiro este 8 de outubro no Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro ballesteros / Europa Press)
José Ramón Gómez Besteiro este 8 de outubro no Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro ballesteros / Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa intervención no Parlamento da Galiza, na réplica á comparecencia do presidente da Xunta, para lanzar unha crítica á xestión de Alfonso Rueda. Besteiro lamentou que o Goberno galego estea "desconectado" das verdadeiras preocupacións da cidadanía e que, no canto de ofrecer solucións aos problemas que afectan directamente ás galegas e aos galegos, se limite a facer "anuncios rimbombantes que non resolven nada".

"Mentres vostede fala e fala, máis de 18.000 galegos están á espera dunha vivenda que poidan permitirse pagar, e cada día unha persoa morre agardando o recoñecemento da súa dependencia", criticou. Nesta liña, acusou a Rueda de liderar un Goberno que non só ignora estas urxencias, senón que reduce o orzamento destinado á dependencia nun 64%, o que motivou que os responsábeis de servizos sociais cualificasen o executivo galego como "gobernantes sen alma".

Besteiro denunciou o colapso dos servizos públicos, con listas de espera inaceptábeis na sanidade, problemas de transporte público tanto no rural como nas áreas urbanas e a incapacidade da Xunta para executar os fondos europeos. No ámbito económico, Besteiro insistiu en que Galiza non segue o ritmo de crecemento do resto do Estado. A economía galega medra menos, pérdense empresas e a taxa de actividade é das máis baixas do Estado, expuxo.

Débeda pública

Polo que se refire á situación da débeda galega, describiu como "alarmante", xa que sobrepasa os 13.000 millóns de euros. "Se quixésemos pagar toda a débeda da Galiza, teriamos que usar o orzamento dun ano completo. Non lle parece importante, señor Rueda?", preguntou. Ademais, indicou que 10% do orzamento anual da Galiza se destina a amortizar débeda, o que limita significativamente a capacidade de investimento en áreas clave como a sanidade e a atención á dependencia.

Besteiro lembrou que os socialistas impulsaron unha medida de condonación da débeda autonómica que Galiza podería aproveitar, pero que Rueda rexeitou. "Por que se nega a que nos condonen a débeda? Non sería esta unha oportunidade para mellorar a vida dos galegos e galegas?", insistiu.

Política fiscal

Besteiro tamén abordou a cuestión dos ingresos, sinalando que a Xunta é responsábel de xestionar mellor os seus recursos. Neste sentido, demandoulle a Rueda valentía para atender os problemas da cidadanía cun novo financiamento e reclamando máis capacidade fiscal para Galiza. "É o momento de que a Xunta asuma a responsabilidade dos seus impostos para que poidamos avaliar mellor e de forma máis xusta as competencias e os recursos que temos", propuxo Besteiro.

Ademais, criticou que Rueda teña unha actitude contraditoria: que pida máis recursos ao Estado ao tempo que rebaixa os impostos ás rendas máis altas. Nesta liña, insistiu en que Galiza debe ter un modelo de financiamento que contemple as súas particularidades, como o envellecemento da poboación, a dispersión territorial e a situación xeográfica.

Enerxía

O secretario xeral do PSdeG tamén se referiu ao anuncio de Rueda sobre a creación dunha comercializadora de enerxía. O socialista tachou esta proposta de "anuncio baleiro", asegurando que non cumpre coas promesas de ser pública, renovábel e barata.

Comentarios