primarias psdeg

Oito anos despois da súa dimisión, Besteiro será o candidato do PSdeG á Xunta

José Ramón Gómez Besteiro, esta cuarta feira, presentando os avais. (Foto: PSdeG)
Gonzalo Caballero retirou a súa candidatura e Manuel Losada non logrou reunir os avais precisos, polo que José Ramón Gómez Besteiro será designado candidato socialista sen necesidade de primarias.

O que fora secretario xeral do PSdeG-PSOE entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro, será o aspirante socialista á Presidencia da Xunta nas eleccións que aínda non se convocaron pero que decorreran antes de xullo de 2024. A súa candidatura foi a única que reuniu os avais necesarios para competir nas primarias socialistas. Minutos antes das 12.30 horas e acompañado por varios militantes, o propio Besteiro entregou en persoa na sede do PSdeG máis de 3.000 sinaturas, cinco veces máis das mínimas exixidas.

Pola súa parte, a falta da ratificación oficial desde o partido, tal e como informaron fontes que cita a axencia Europa Press, o outro socialista postulado, o coruñés Manuel Losada, non reuniu os apoios precisos para que a súa candidatura fose ratificada. Os aspirantes tiñan até as 15 horas de hoxe para rexistrar os avais.

Así as cousas, o ex delegado do Goberno estatal na Galiza e actual deputado no Congreso pola circunscrición de Lugo, a quen Pedro Sánchez deu protagonismo na Cámara baixa desde o inicio da presente lexislatura, será o candidato socialista á Presidencia da Xunta, a falta da proclamación oficial por parte do partido, e sen necesidade de que a militancia vote en primarias.

Besteiro confirmou a pasada segunda feira o que era un segredo a voces no seo do partido e anunciou que daba o paso adiante para competir nas primarias e encabezar a candidatura do PSdeG ás eleccións galegas. Fíxoo nos corredores do Parlamento da Galiza, onde decorría o Debate sobre o Estado da Nación. Todo iso na mesma xornada na que transcendeu que o PSOE decidira reactivar as primarias. E é que o proceso interno, convocado inicialmente polo PSdeG para o 17 de setembro, foi aprazado pola dirección federal "até a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno" no Estado español.

Despois de confirmarse a intención de Besteiro e tamén nos corredores do Parlamento galego pero un día despois, deu un paso adiante o que fora secretario xeral do PSdeG e actual deputado galego, Gonzalo Caballero. Con todo, cinco días despois de postularse, anunciou que retiraba a súa candidatura "por lealdade e responsabilidade" após constatar que a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG "optan por outra candidatura".

Tamén durante a súa visita ao Pazo do Hórreo para asistir ao debate de política xeral, o actual xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, ratificou que el non participaría nas primarias nunhas declaracións aos medios nas que compareceu acompañado por distintos cargos socialistas, entre eles o propio Besteiro.

Regreso á primeira liña

José Ramón Gómez Besteiro regresou á política o pasado mes de marzo co seu nomeamento como delegado do Goberno após permanecer sete anos apartado do foco mediático. O secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 decidira dar un paso á beira e dimitir como líder do partido na Galiza após ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos. Todos eles serían arquivados a finais do pasado ano e a maxistrada quedaría apartada dos xulgados.

Nos comicios de 2016, convocados meses despois da súa dimisión, Besteiro non foi o candidato socialista, unha honra que correspondeu a Xoaquín Fernández Leiceaga, levando o PSdeG a ser terceira forza após PP e En Marea con 14 escanos. Agora, oito anos despois, Gómez Besteiro será quen encabece a papeleta socialista.