Néstor Rego

"As Bases Democráticas son para termos soberanía"

Este sábado 23 de setembro o BNG apresentará en Compostela as súas Bases Democráticas para unha Nova Galiza. Unha iniciativa que tenciona abalar os decrépitos alicerces dun edificio -o do réxime de 1978- que está a desabar, a caír, incapaz de procesar as demandas democráticas dos pobos, con Catalunya á vangarda. Falamos sobre estas Bases con Néstor Rego, membro da Executiva do BNG. É a entrevista política do Sermos264. EIs un avanzo da conversa.

Néstor Rego
photo_camera Néstor Rego

-Que son as Bases Democráticas e que perseguen?

-As Bases Democráticas son a proposta que neste momento lanza o BNG para deixar atrás definitivamente o marco constitucional e o marco autonómico. Podemos concluír que as Bases Democráticas son as bases para a nosa soberanía. Entendemos, como sempre entendimos, que o modelo autonómico non serve. Despois de 40 anos, podemos constatar que Galiza non mellorou, non o fixo comparativamente cos países da súa contorna. É un modelo que non serve para solucionar os nosos problemas económicos e sociais; todo o contrario, moitos deles agraváronse. Hoxe temos un país en moitos aspectos moito pior do que tiñamos hai anos: cunha crise demográfica brutal, con novamente emigración, con algúns sectores económicos importantes destruídos. Portanto, xa non é unha cuestión que atinxe aquelas persoas que consideramos que Galiza é unha nación e que debe aspirar a se autodeterminar, senón que constitúe unha necesidade vital para garantirmos que Galiza como país tamén sobrevive e ten un futuro diferente de progreso e de benestar.

4-As Bases, xa na súa propia nomenclatura, evocan aquelas Bases Constitucionais de 1977. Anímaas o mesmo espírito de ruptura?

-Si que as anima o mesmo espírito de ruptura, esa idea de que a nación galega pode ser outra cousa, de que ten capacidade para se valer por si propia. Hai entre aquel momento e este algúns aspectos do contexto político que poden parecer similares, hai outros que son moi diferentes. E tamén na proposta. As Bases Constitucionais eran un texto articulado para un pacto federal ou confederal. Neste caso o que facemos non é unha proposta articulada, senón un conxunto de medidas, 33 pontos, que focan a atención na necesidade de que Galiza teña capacidade real de decisión sobre os seus asuntos. Porque nos parece que ese é o debate que ten que dar a sociedade galega.

[A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos264, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios