18-F

Bará destaca en Vigo que o do BNG "será o Goberno do tren"

A formación nacionalista aposta pola creación do Galtren.
Luís Bará, cuarto pola esquerda, esta cuarta feira en Vigo cos sindicatos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, cuarto pola esquerda, esta cuarta feira en Vigo cos sindicatos. (Foto: Nós Diario)

O cabeza de lista do BNG pola circunscrición de Pontevedra, Luís Bará, afirmou esta cuarta feira en Vigo que o Executivo da forza nacionalista á fronte da Xunta da Galiza "será o Goberno do tren". Así o trasladou a representantes sindicais do sector ferroviario nun encontro no que tamén avogou pola posta en marcha dun ferrocarril de proximidade, a creación do Galtren, a asunción das competencias do Estatuto, a mellora de infraestruturas e servizos e a axilización da conexión Vigo-Porto a través da saída sur como un proxecto estratéxico e prioritario. "Será a lexislatura do tren", aseverou.

Bará garantiu que o BNG ten unha aposta decidida polo tren como "un modo de mobilidade sostíbel, saudábel e seguro". Neste sentido, indicou que o desenvolvemento ferroviario é "chave desde o punto de vista económico, ecolóxico e social para loitar contra a emerxencia ambiental, a descarbonización do transporte, e para apostar pola conectividade e a competitividade da economía", así como para "vertebrar o territorio e avanzar na cohesión".

Desta maneira, o BNG comprométese, salientou Bará, á creación dun departamento de ferrocarril co que o Goberno galego poderá "empezar a abordar a construción de infraestruturas no país e tamén a xestión da rede ferroviaria interna, o que se denomina Galtren, como está previsto no Estatuto".

O candidato destacou que as melloras deben ir apoiadas nos bos prezos para que o tren sexa accesíbel para a cidadanía. “A xente súmase ao tren. Se nestas liñas con potencial demanda hai prezos reducidos vanse captar moitas usuarias", concluíu.

Comentarios