Anxo Louzao (Vía Galega): "Pagamos as consecuencias da crise malia sermos un país con grandes recursos"

O portavoz de Vía Galega insta a participar da manifestación que percorrerá as rúas de Compostela este domingo baixo o lema "Somos unha nación".
Anxo Louzao, de Vía Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Anxo Louzao, de Vía Galega. (Foto: Nós Diario)

Baixo o lema "Somos unha nación", a plataforma Vía Galega insta a cidadanía a participar da manifestación que decorrerá o vindeiro domingo, 24 de abril, en Compostela —con saída ás 11.30 horas desde a Alameda—. Cales son os obxectivos desta mobilización?

As motivacións desta convocatoria son múltiples. En primeiro lugar, conmemorar o 146 aniversario da Revolución de Abril de 1846, que foi un fito histórico para o país. Por outra parte, cómpre lembrar que Vía Galega naceu co obxectivo de defender os intereses do pobo galego e reivindicamos cuestións como a autodeterminación, que é o dereito a decidir por nós mesmos.

Precisamos da soberanía política, económica e alimentaria, xa que neste momento sufrimos as consecuencias da crise inicial de 2008, que se está a agudizar e que na Galiza nunca rematou. E agora a situación agrávase pola guerra en Ucraína e a escalada inxustificada dos prezos de bens básicos; unha parte da sociedade está a sufrir a pobreza enerxética. Hai moitas razóns para apoiar esta mobilización, xa que a crise bateu aínda máis nas clases populares galegas, temos uns dos salarios e pensións máis baixos do Estado...

Que supuxo a Revolución de Abril de 1846?

Foi un fito moi importante na historia da Galiza e por iso queremos conmemorar o que foi aquel levantamento, que levou á declaración da chamada Revolución de Abril e que, tristemente, tivo un final infeliz co fusilamento dos mártires de Carral. Poderiamos dicir que aquela foi a primeira pedra do nacionalismo galego actual.

E por que deberían as galegas e galegos acudir a esta convocatoria que reivindica a soberanía da Galiza?

As consecuencias da crise pagámolas nós malia termos un país con grandes recursos e riquezas, porque non temos un poder político que os aproveite. A luz é cada vez máis cara a pesar de exportarmos 30% da enerxía e aquí só quedan as consecuencias nocivas para o medio ambiente e a xente, non hai unha empresa pública ou unha tarifa eléctrica propia, nin se reverten eses prexuízos con melloras en materia de benestar...

Temos outros exemplos claros da falta de soberanía, como o desmantelamento do sector industrial, xa que a nosa economía non se xestiona con base nos nosos sectores estratéxicos. A falta de soberanía tamén impide termos soberanía alimentaria. Boa parte do territorio fica improdutivo mentres soben os prezos; a Galiza podería producir cereal e, en cambio, é un eucaliptal.

Ante a suba de prezos, a Galiza podería producir cereal; porén, é un eucaliptal

Hai unha falta total de capacidade e vontade por parte dos gobernos estatal e galego, que defenden os intereses dunha oligarquía e nin sequera interveñen o mercado ante unha gran suba dos prezos... Aliás, reivindicamos un dereito democrático básico: a Galiza ten todas as características e elementos dunha nación, temos vontade de existir como país e unha historia propia. Non queremos que ninguén decida por nós nin que nos gobernen desde fóra da Galiza.

Teñen programados autobuses desde O Condado, A Coruña, Ferrol, Lugo, A Mariña, Ourense, Pontevedra e Vigo para acudir á manifestación. Confían en que a participación sexa elevada?

Estamos levando a cabo unha campaña moi intensa por todo o país, polo que as nosas previsións son que acudirá un número importante de xente a pesar das condicións meteorolóxicas, xa que semella que vai chover... Pero a choiva nunca foi un impedimento.

Comentarios