Antón Bao: “A A-6 naceu defectuosa por unha cuestión política, de prazos electorais”

Antón Bao, ex tenente de alcalde de Lugo e ex vicepresidente da Deputación, ocupaba en 1999 unha acta de concelleiro, polo BNG, en Becerreá. Xa daquela denunciaba a “chapuza” que representaba, ao seu ver, a construción da A-6. Foi un dos protagonistas das múltiples mobilizacións que decorreron contra a construción dunha autovía hoxe en sospeita, após os recentes derrubamentos de dous tramos do viario.

Antón Bao (Imaxe: Cedida)
photo_camera Antón Bao (Imaxe: Cedida)

Os cruzamentos de acusacións entre partidos políticos están a ser unha constante hoxe en día, en relación ao estado da autovía A-6, mais vostede, co BNG, xa advertira en 1999 da “chapuza” da construción do viario.

No seu momento, advertimos dos porqués do cambio de trazado da A-6 ao seu paso por Becerreá, unha mudanza que se produciu de súpeto. De formularse tras unha montaña para enlazala perto de Baralla, pasou a traerse máis a carón da vila, atravesando unha aldea, cun grande impacto ecolóxico no patrimonio natural.

A que se debeu ese cambio no trazado?

Por unha parte, a acurtar os prazos de execución. Basicamente, unha cuestión de oportunismo electoral. E, por outra, dicíase que o cambio comportaría unha rebaixa económica, mais non foi tal, porque houbo que construír un túnel que encareceu esas previsións. Lembro o daquela alcalde de Becerreá, Antonio Fernández Pombo, do Partido Popular, salientar a importancia de que se vise a autovía desde a vila.

Como foron as mobilizacións?

A mudanza no trazado supuxo unha afectación moi importante e parte da poboación sentiuse indignada. Unha das aldeas, Ouselle, foi atravesada polo viario até o punto de situaren as trabes no medio e medio dela. Falamos dunha zona paisaxística de relevancia, perto de Cereixal. Levantámonos contra ese cambio de trazado tanto o BNG como Adega, da man de Daniel López Bispo, e moitas veciñas e veciños afectados.

Houbo unha forte oposición á autovía: manifestacións en Becerreá, fechamento de negocios durante días para apoiar as reivindicacións... e acabamos póndonos diante das máquinas, parando as obras. Non nos convencían as explicacións, tratábase dunha decisión política, non técnica, e foi entón cando empezou a ensarillarse a construción da A-6.

Precisamente, por parar as obras acabaron no cuartel da Garda Civil.

Esas mobilizacións foron o meu bautismo político, dalgunha maneira. As eleccións foran en maio, e en xuño comezamos coas protestas. O daquela delegado do Goberno español, Diz Guedes, ordenou a nosa detención, e a Garda Civil levounos, amigabelmente, ao cuartel, onde permanecemos unhas horas e onde nos tomaron declaración. Chegaron a presentar unha denuncia contra nós, e nós tamén presentaramos demanda xudicial. Nesas semanas, viñera Manuel Monge presentar a Becerreá un libro que escribira sobre a construción de autovías.

E da rúa pasou tamén ao Parlamento.

Todo isto tivo moita repercusión, sobre todo no Parlamento galego, onde ‘Milucho’ [Emilio López Pérez] presentou unha interpelación e conseguiu que o daquela conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas, Xosé Cuíña, viñese a Becerreá. Reuniuse alí connosco, viu os cambios do trazado e textualmente dixo que se fose el quen mandase, a mudanza non se faría. Cuíña non concordaba co cambio de trazado. Fraga, pola súa parte, dedicounos algún exabrupto.

En conclusión, a construción desa autovía fíxose pura e exclusivamente baseada nos apuros electorais, políticos, e non me estraña que se produciran os derrubamentos. As présas por rematala, as diferenzas económicas entre contratos e a execución influíron á hora de pasar o que pasou en Veiga de Valcárcel, así como co deterioro do viario. Hai unha falta de mantemento que é evidente. Se circulas por Baralla, entre Becerreá, Lugo e As Nogais, ves que o firme está cheo de fochancas, moi estragado. Parchean de cando en vez, mais aos poucos meses, volta o deterioro.

Tamén repararon partes estruturais dos viadutos.

Nos últimos anos, fixéronse obras de reparación nas partes metálicas das pontes, pola parte inferior, afectadas polo óxido. En parte, supoño que debido ás nevaradas do inverno, que se combaten co sal sobre o firme e o sal resulta agresivo para esas zonas metálicas. Eu non son técnico, mais a A-6 naceu defectuosa. Atreveríame a dicilo nun 98%. Debeuse a unha cuestión política, polas présas electorais, e aí están as consecuencias graves que hoxe sufrimos.

Comentarios