Coligarse coa esquerda federal, con forzas nacionalistas ou non presentarse, as opcións do referendo de Anova

A Coordenadora Nacional acordou este sábado cales serán as opcións sobre as que se pronunciar a militancia. A votación, en referendo, será o 23 de febreiro. 

urnas

Nun sucinto comunicado remitido aos medios de comunicación e pendurado na súa páxina, a organización liderada por Xosé Manuel Beiras fixo público o acordo alcanzado pola Coordenadora Nacional en relación á súa política de alianzas face os comicios europeos. Neste senso, o máximo órgano delimitou as opcións sobre as que se pronunciará a militancia de Anova o vindeiro 23 de Febreiro, data na que convocarán un referendo entre as bases. 

Así, a militancia de Anova votará en 40 mesas electorais que serán repartidas por toda Galiza. As opcións: concorrer en coligación coa "esquerda federal", con "forzas da esquerda nacionalista e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturista" ou non se presentaren ás eleccións. 

De saír escollida a segunda opción, concorrer con forzas nacionalistas e/ou da esquerda rupturista, a militancia deberá ratificala nun outro referendo

No comunicado de imprensa, a Coordenadora nacional non menciona polo seu nome a nengunha organización política, quer da esquerda española (IU ou Podemos), quer das nacións sen Estado (EH Bildu, CUP). No entanto, si que aclara que acontecería no caso de gañar unha das opcións: a segunda. Perante un hipotético apoio maioritario da militancia ás "forzas da esquerda nacionalista e/ou da esquerda rupturista", a Coordenadora decidiu que a fórmula eventualmente resultante -ou ir con aquelas ou con esta-  tería de ser ratificada nun segundo referendo.

Todo apunta a que a "esquerda rupturista" á que se refere o comunicado de Anova sería a plataforma Podemos.

O resultado do referendo será coñecido ese mesmo día 23 de febreiro arredor das 21 horas através da propia páxina web da organización. 

Comentarios