Anova dá por liquidada En Marea

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Arquivo)

Xosé Manuel Beiras asegura, en declaracións á TVG, que hai que buscar outro espazo de unidade e exclúe a formación que lidera Luís Villares

Xosé Manuel Beiras, fundador de Anova, deu por liquidado o proxecto de En Marea e fixo un chamamento a crear outro de esquerdas e nacionalista de cara as vindeiras eleccións galegas.

“Trátase de facer un proceso, de artellar ese espazo sen pensar en competir cos demais, simplemente ocupar o espazo baleiro, o espazo desnortado”, asegurou en declaracións á TVG.

Estas declaracións veñen días despois de que desde a propia Anova se afirmara que contaban con BNG e con En Marea de cara á vindeira cita electoral.

Para Beiras o futuro de Anova está en buscar un espazo de unidade entre o nacionalismo e a esquerda excluíndo á formación que lidera Luís Villares.