Pontón denuncia a suba da luz e reclama unha tarifa eléctrica galega

“Defender Galiza” é a esencia do BNG, afirmou Ana Pontón na homenaxe da súa formación a Castelao. A nacionalista cualificou de “vergoña” a suba histórica da luz en plena onda de frío. “Vergoña para as eléctricas que volven comportarse con usura pero tamén para os Gobernos que llo permiten e, como temos as mans libres, seguimos reclamando unha tarifa eléctrica galega”. Ademais, reclama 12.600 millóns de euros para a recuperación e a xestión desde a Galiza dos fondos europeos.

Ana Pontón homenaxea Castelao (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, na homenaxe do BNG a Castelao (Foto: Nós Diario)

De “vergoña” cualificou a líder da oposición e portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, “a suba histórica da luz en plena onda de frío” que “impide ás familias e ás empresas beneficiarse de ser produtores netos de electricidade”. “Vergoña para as eléctricas que volven comportarse con usura pero tamén para os Gobernos que llo permiten e, como temos as mans libres, seguimos reclamando unha tarifa eléctrica galega”

Así se pronunciou Ana Pontón na homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que realizou o BNG este domingo, 10 de xaneiro, no Pantón de Galego Ilustres, en Santiago de Compostela. Na súa intervención, a nacionalista aseverou que "o Bloque é a única forza que pon os intereses da Galiza por diante” fronte ao “sucursalismo” das forzas estatais que se moven entre a “confrontación estéril” do PP e o “servilismo inútil” do PSdeG.

“Quero aproveitar este acto de honra a Castelao para recalcar cal é a esencia do BNG: defender Galiza. Unha declaración de principios que quero expresamente recalcar neste momento en que o país precisa recibir un trato xusto e porque estamos neste escenario de crise o BNG é o muro de contención contra a discriminación e o agravio que recibe do Goberno do Estado, antes co PP e agora co PSOE”, declarou a líder nacionalista.

“O BNG existe para construír un país vivo, forte e con futuro” e para defender a sociedade galega “cunha lealdade que nin é discutíbel nin é negociábel”, recalcou Pontón, “a diferenza das forzas estatais “que fan o que lles mandan desde Madrid, que din unha cousa e a contraria en función de quen sente na Moncloa. Nin confrontación estéril a favor de Pablo Casado, nin servilismo inútil a favor de Pedro Sánchez. O que Galiza precisa máis que nunca, e máis BNG traballando a favor do país, un BNG cos mans libres para seguir facendo o que sempre fixo: defender o que é xusto para os galegos e as galegas, con coherencia, rigor e firmeza”, destacou.

Pontón botou man de exemplos para ratificar o papel do nacionalismo galego na defensa dos intereses do país, como no caso da frota pesqueira ante o Brexit, do sector industrial con Alcoa á cabeza ou a favor da rebaixa das peaxes da AP-9. 

“O BNG é a forza da frota pesqueira galega, novamente traizoada polo Goberno do Estado nas negociacións do Brexit; a forza das traballadoras e traballadores de Alcoa que nunca os vai vender nin marear con escusas, a das e dos investigadores dun país con capacidade e recursos para ser líder en innovación e talento,  é a forza que, goberne quen goberne en Madrid, sempre di o mesmo: basta de estafa, basta de agravio”, explicou.  E tamén é “a forza que defende pór fin ao espolio e usar os recursos do país en beneficio do país”. 

A anual homenaxe que o BNG rende a Castelao con motivo do seu pasamento (7 de xaneiro de 1950) e que supón o inicio do curso político para o Bloque, estivo marcada pola pandemia, empezando porque se realizou en Bonaval, Santiago, e non como é tradición, en Rianxo, vila natal do nacionalista. 

Este ten que ser o ano en que reforcemos a sanidade pública e poñamos en marcha un novo modelo de coidado das persoas maiores, dixo Pontón

“Este non vai ser un ano máis tras a ferida aberta pola Covid-19”, alegou a portavoz nacional, “ten que ser o ano en que reforcemos a sanidade pública e poñamos en marcha un novo modelo de coidado das persoas maiores, e ten que ser o ano da reactivación económica. Por iso, a prioridade do BNG é conseguir superar esta crise, saír do pozo canto antes e nese obxectivo non escatimaremos esforzos, con propostas en positivo”. 

“Galiza precisa até o último euro”, argumentou, “para reforzar os servizos públicos, empezando pola Atención Primaria e por desenvolver un sistema de residencias de xestión pública que garanta o dereito a unha vellez digna”. 

No inmediato, e dada a preocupante evolución dos datos da pandemia, -con rexistros máximos de contaxios-, Pontón pide ao Goberno de Feixoo “que por unha vez supere a improvisación e que se anticipe con máis rastrexos e con cribados masivos en todas as cidades, porque o que está en xogo é a vida das persoas”.

12.600 millóns de euros para a recuperación

No ámbito económico considera chave para a reactivación conseguir un reparto xusto e a xestión directa dos fondos europeos -cun mínimo de 12.600 millóns de euros-, e un concerto económico que permita a Galiza ter a chave dos seus cartos.

“Porque sempre que Madrid decide por nós, saímos perdendo”, alegou. Entre as prioridades, para Pontón está rescatar os sectores máis afectados pola crise, pórr en marcha unha economía verde baseada na ciencia e na investigación e modernizar os sectores produtivos tradicionais.

“Tócanos vivir un deses momentos que marcan a historia e neste momento difícil, de moita vulnerabilidade social, o noso amor a Galiza obríganos a traballar con perspectiva e con altura de miras, co obxectivo de construír unha Galiza economicamente viva e socialmente xusta, un país que poña as persoas no centro e que decida por si mesmo para garantir o seu futuro e o do seu pobo”, indicou a líder nacionalista.

“Galiza é unha viaxe que facemos xuntos e xuntas, todos os galegos e as galegas, e nesa viaxe queda a obra e a vida dun galego exemplar, Castelao”, concluíu, “o Castelao nacionalista, o artista universal, o político que loitou por dar a Galiza o status que lle corresponde como nación no mundo, o Castelao que hoxe estaría orgulloso da reacción do pobo galego ante a maior crise vivida en tempos de paz”.

Comentarios