Ana Miranda reúnese co novo corpo diplomático do Frente Polisario para a Unión Europea

A eurodeputada nacionalista reiterou o compromiso do BNG coa histórica demanda de que o Sáhara Occidental xestione os seus recursos

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, xunto cos representantes do Frente Polisario na UE. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda, eurodeputada do BNG, xunto cos representantes do Frente Polisario na UE. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo esta cuarta feira un encontro cos representantes do corpo diplomático do Frente Polisario en Bruxelas, actualmente integrado por Alyien Kentaoui, embaixador encargado da misión na representación do Frente Polisario, Mansour Omar, representante do Frente Polisario para Europa e a Unión Europea (UE), e Basiri Lebsir, membro da representación do Frente Polisario en Europa e a Unión Europea.

Seguiremos apoiando, como fixemos até agora, as reivindicacións do Frente Polisario”, salientou Ana Miranda, que expresou o compromiso do BNG coa demanda histórica de que o Sáhara Occidental xestione os seus propios recursos.

Neste sentido, a eurodeputada nacionalista fixo especial mención aos acordos pesqueiros e manifestou a súa confianza de que a sentenza definitiva por parte do Tribunal de Xustiza da UE, que deberá emitir nas próximas semanas, “sexa favorable ao Pobo Saharauí”.

Recursos espoliados

Nesta liña, o Bloque denuncia que os recursos terrestres e pesqueiros do Pobo Saharauí seguen sendo espoliados mentres a Xustiza europea emitiu o ano pasado unha sentenza histórica que declaraba ilegais os acordos comerciais e de pesca da UE con Marrocos “porque non contan co apoio do Pobo Saharauí representado polo Frente Polisario”.

No encontro, Ana Miranda tamén manifestou a necesidade de que dentro do Servizo de Acción Exterior da Unión Europea se cree un Representante para o Sáhara Occidental, que implicaría o recoñecemento do Frente Polisario como lexítimo representante do Sáhara Occidental.

Comentarios