Eleccións Europeas 9-X

Ana Miranda chama a participar e a facelo “por Galiza e as causas xustas”

A candidata nacionalista votou no barrio vigués de Bouzas.

ana miranda vota
photo_camera Ana Miranda votando

Ana Miranda acudiu a votar sobre as 10 da mañá e fíxoo nun colexio electoral de Bouzas, en Vigo. A candidata nacionalista afirmou que votaba “con ilusión e esperanza” e para que a Galiza “volva ter unha voz propia no Parlamento europeo”.

Miranda acudiu a votar acompañada da súa filla e de varios membros do BNG, entre eles Xabier P. Igrexas, portavoz municipal nacionalista no Concello de Vigo. Miranda tivo unha lembranza para os seus pais “que non poden estar hoxe aquí”.

A candidata do BNG nestes comicios mostrou a súa confianza en que “o país nos dea o seu apoio” para poder seguir a traballar na Eurocámara e incidiu na importancia de votar hoxe. “Votamos por Galiza e polas causas xustas, pola paz, o antifascismo e a fin dio xenocidio en Gaza”, concluíu.

O BNG fará seguimento da xornada electoral desde Compostela. Elixiron A Nave de Vidán, un estabelecemento hostaleiro tamén situado na capital galega, para realizar o seguimento do último tramo da xornada electoral, no que se coñecerán os resultados.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que espera unha "importante mobilización" este domingo de eleccións europeas, á vez que apelou a toda a cidadanía a "decidir que GaliZA en Europa quere". En declaracións aos medios tras votar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago sobre as 10:30 horas, a líder nacionalista manifestou que exerceu este dereito "con toda a ilusión" e coa "convicción" de que a Galiza se xoga "moito en Europa".

"Hoxe é un día para reclamar que a cidadanía vote. Que os galegos e galegas voten pensando en quen pode defender mellor os seus intereses en Europa. Que voten pensando no que nos estamos xogando neste momento e que utilicen o poder que lle dá o voto para decidir que Galiza en Europa queren e tamén que modelo de Europa desexan para o futuro", explicou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios