O avance da extrema dereita, no foco da intervención de Ana Miranda na Conferencia Internacional Antifascista e Antiimperialista
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou esta quinta feira na primeira Conferencia Internacional Antifascista e Antiimperialista, que até o vindeiro día 29 se celebra en Porto Alegre (Brasil). Desde o lanzamento da súa convocatoria, este foro conta xa cun amplo apoio internacional e nel daranse cita varios miles de persoas procedentes de máis de 70 países de todo o mundo.
Así, esta tarde a eurodeputada galega tomou a palabra na mesa redonda “Papel e límites da acción institucional na loita democrática”, na que tamén interveu o eurodeputado portugués Joao Oliveira, entre outros representantes de distintas forzas políticas. “Levo a Porto Alegre a voz antifascista e antiimperialista do BNG”, manifestou a eurodeputada galega, quen considera que alzar a voz contra as agresións imperialistas, contra os xenocidios e os intentos de que retrocedan os dereitos humanos “é unha obriga”.
Unha gran manifestación nas rúas da Capital do Estado de Rio Grande do Sul deu inicio ás xornadas de traballo, que durante tres días darán lugar a once conferencias plenarias temáticas e 150 actividades autoxestionadas. Os debates centraranse no fortalecemento dos movementos sociais, ecofeministas e sindicais, así como na solidariedade internacional, na loita contra o fascismo e o negacionismo climáticto, pero tamén nas posibilidades e os límites da acción institucional.
“Nestes tempos que corren de graves ameazas, temos que facer unha gran fronte contra o avance da extrema dereita, o neofascismo e as agresións imperialistas”, salienta Ana Miranda.
