Ana Miranda alerta desde Arxentina da "situación da colectividade galega, moi prexudicada pola política de Milei"

A eurodeputada do BNG desenvolve unha intensa axenda en Bos Aires, con encontros sobre a loita polos dereitos humanos e as consecuencias do acordo UE-Mercosur.

Ana Miranda en Bos Aires, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Ana Miranda en Bos Aires, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, viaxa estes días a Arxentina para afondar as relacións coa colectividade galega, que nestes momentos vese “moi prexudicada polas políticas de recortes que está desenvolvendo o presidente arxentino, Javier Milei, que inclúen unha terríbel reforma laboral”. “Preocúpanos moito a situación que vive nestes momentos a colectividade galega en Arxentina, moi prexudicada polas políticas de ultradereita que desenvolve Milei, o amigo do PP”.

Neste senso, a responsábel de relacións internacionais do BNG desenvolverá unha intensa axenda que inclúe a visita a diversos centros, como a Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, o centro Betanzos, o centro galego de Avellaneda e o centro Galiza, e manterá un encontro con integrantes da Cátedra de Estudos Galegos Castelao da Universidade de Bos Aires e con diversas personalidades da colectividade galega en Bos Aires.

A defensa dos dereitos humanos e a memoria histórica configuran outro dos eixos das xornadas de traballo que desenvolverá Miranda en Arxentina. Así, a eurodeputada galega participará en diversos actos relacionados coa memoria histórica, entre os que destaca unha conferencia xunto ao profesor e premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, que terá lugar na Federación de Asociacións Galegas de Arxentina.

Verdade e xustiza

Aliás, a eurodeputada galega tamén manterá un encontro con Taty Almeida, unha das fundadoras das Nais de Praza de Maio-Liña Fundadora. Precisamente Ana Miranda será entrevistada por Taty Almeida no seu programa de radio “Que me contas”. Estes actos relacionados coa memoria histórica e a defensa dos dereitos humanos culminarán coa participación de Ana Miranda na Ronda vixilia con Madres Liña Fundadora e na Marcha do 24 de marzo polo Día Nacional da Memoria pola Verdade e a Xustiza, que recorda o Golpe de Estado de 1976 e o inicio da ditadura cívico-militar en Arxentina que mediante o “terrorismo de estado” provocou a desaparición de máis de 30.000 persoas. “É  fundamental seguir loitando pola verdade e a xustiza”, subliña Miranda sobre unha data tan simbólica en Arxentina como é o 24 de marzo.

Por outro lado, o novo acordo entre a Unión Europea e o Mercosur tamén será abordado en diferentes actos nos que participará Miranda, nos que a eurodeputada do BNG explicará as consecuencias deste tratado no sector agrogandeiro galego. Neste senso, a axenda inclúe unha reunión con parlamentarios e parlamentarias de Parlasur que integran tamén a Asemblea Paritaria Eurolat, formada polos parlamentos latinoamericanos e o Parlamento Europeo, da que Miranda é vicepresidenta terceira. Nesta liña, a eurodeputada galega ofrecerá unha conferencia no Instituto Patria, na que tamén se tratarán as consecuencias do acordo EU-Mercosur e na que intercambiará impresións co deputado Franco Metaza sobre o respecto á soberanía dos pobos.

Comentarios