BNG e PSdeG acusan o presidente da Xunta da Galiza de actuar como "comercial" de Altri
O proxecto da pasteira lusa sobe o ton na Cámara e Rueda carga contra a oposición: "Ou son ineptos, ou mentireiros, ou todo á vez".
A sesión de control ao Goberno galego deveu esta cuarta feira na Cámara galega nun novo debate arredor da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa). A confrontación elevou o ton no Pazo do Hórreo, onde os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atacaron o presidente da Xunta da Galiza, acusándoo de exercer de "comercial" da pasteira lusa.
Pola súa parte, Alfonso Rueda contraatacou poñendo o foco no "cambio de postura" sobre o plan empresarial dos seus rivais políticos: "Ou son uns ineptos, ou uns mentireiros, ou non se decatan de nada, ou todo á vez".
O xefe do Executivo galego escolleu e leu varios titulares de 2022 con detalles do proxecto e aludiu a unha iniciativa do PSdeG aprobada "sen votos en contra" en marzo de 2023 cuxa exposición de motivos recolle que o plan de Altri supoñía a creación "dunha planta para a elaboración de pasta solúbel de papel, cunha capacidade para producir 200.000 toneladas ao ano que se integrará parcialmente na produción de fibras téxtiles de orixe forestal".
Dita iniciativa, advertiu Rueda, demandaba poñer ao dispor da empresa promotora "asesoramento técnico e económico para conseguir o financiamento necesario do proxecto e acudir ás convocatorias de Perte estabelecidas polo Goberno de España". "Maldita hemeroteca e maldito diario de sesións. Ou son vostedes uns ineptos, ou uns mentireiros, ou non se decatan de nada, ou todo á vez", engadiu.
Réplica da oposición
Con todo, tanto Besteiro como Pontón defenderon a súa posición en que, argumentou a líder nacionalista, "até que o proxecto saíu no Diario Oficial da Galiza non se sabía que era unha macrocelulosa". A xefa de filas do BNG engadiu que, "no seu empeño" por ser "comercial" da pasteira lusa, o presidente "roza a prevaricación".
Pontón tamén se referiu á mobilización social e instou ao titular da Xunta a escoitar "o clamor social" e a "rectificar" no canto de "responder con desprezo e insultos aos galegos". Rueda replicou coa "maioría silenciosa" que, suxeriu, apoia ao PPdeG nas urnas. "Como lle digo sempre a vostede, a xente é moito máis lista e está a maioría silenciosa que observa o que fan os seus gobernos e actúa en consecuencia", esgrimiu.
Pola súa parte, Besteiro, quen acudiu por primeira vez a unha concentración contra o proxecto de Altri o pasado sábado na Pobra do Caramiñal (O Barbanza), proclamou con contundencia que, se fose polo PSdeG, Altri "non levaría nin un euro de fondos públicos". "Porque nin cumpre, nin o merece. Altri é unha gran mentira desde o primeiro día", aseverou.
A sesión seguírona desde a tribuna máis dunha vintena de dirixentes do PPdeG, portavoces de municipios da comarca do proxecto, entre os que se atopaba o rexedor de Palas de Rei, Pablo Taboada. Tras o debate, á entrada do hemiciclo, foron saudados por Rueda; o conselleiro e presidente do PP provincial da Coruña, Diego Calvo, e a secretaria xeral do partido, Paula Prado.
