Pontón urxe a Rueda a "abandonar a soberbia política" con Altri e escoitar "o clamor contra a macrocelulosa"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que "rectifique".

Foto Ana Ponton Forum Gastronomico 1
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta segunda feira na Coruña. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a "abandonar a soberbia política" e a "rectificar" co proxecto de Altri, que cualificou como unha "bomba ambiental".

Foi en declaracións aos xornalistas con motivo da súa visita á X edición de 'Galicia Fórum Gastronómico' na que reivindicou a importancia de preservar a produción agrogandeira e a vinculada ao marisqueo, así como a contorna ambiental.

E é que para Pontón co proxecto de Altri a Xunta "está a pór en risco toda a produción da ría de Arousa e da comarca do Ulla", dixo para destacar o "clamor contra a macrocelusosa" após a manifestación "histórica" da Pobra do Caramiñal (O Barbanza) deste sábado.

"Non queremos hipotecas que poñan en risco máis de 8.000 empregos en terra e en mar", insistiu a portavoz nacional do BNG para quen Rueda "no canto de criminalizar e insultar as persoas que democraticamente defenden o futuro deste país" debe "rectificar" "e deixar atrás" o proxecto.

"Deixar de facer de comercial dunha empresa como Altri, o despropósito do PP, no canto de defender o rural e o medioambiente, defende os intereses dunha empresa portuguesa en contra da Galiza".

Ao fío diso, Pontón lembrou que Greenalia, "a empresa da que é dirixente a ex conselleira Beatriz Mato, é socia de Altri". "Un exemplo máis de como funcionan as portas xiratorias no noso país", dixo para incidir en que o futuro da Galiza non pasa por industrias contaminantes".

Mentres, sobre as declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, respecto a Altri, asegurou que "por primeira vez recoñece que é unha macrocelulosa e non unha biofábrica". Foi despois de que Vázquez, ao ser cuestionada se o era, dixese: "falar de macrocelulosa moitas veces a xente di 'o que se nos vén encima'. Pois a resposta é que hai que ver a Marín, que está á beira de Pontevedra, e todas as súas praias teñen bandeira azul".

Con todo, Pontón incidiu no feito de que a decisión sobre este proxecto "estaba tomada desde o primeiro minuto antes de que houbese un só informe". Mentres, cualificou de "tomadura de pelo que se diga que o río Ulla non abastece á poboación".

Branco

Nesta mesma xornada, preguntado o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, sobre a mobilización na Pobra asegurou que foi "unha gran manifestación" por parte de cidadáns e cidadás que exercen un "dereito fundamental".

Sobre Altri, remitiuse ás manifestacións do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, que considerou que a declaración de impacto ambiental positiva acordada pola Xunta da Galiza para o proxecto en Palas de Rei (A Ulloa) está "moi condicionada", alertando de que este plan "móvese nunha contorna con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos", á vez que o desvinculou das axudas do Goberno español.

Comentarios