Gómez Besteiro considera que Altri “é unha gran mentira”

O PSdeG participou este sábado na marcha contra Altri na Pobra do Caramiñal. O seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu por primeira vez a unha protesta contra a celulosa proxectada en Palas de Rei.

Manifestacion_APobra
Gómez Besteiro, canda outros integrantes da executiva do PSdeG, na marcha contra Altri. (Foto: Nós Diario).

Gómez Besteiro  denunciou “a gran mentira de Altri e do Partido Popular” e acusou ao presidente da Xunta Galiza, Alfonso Rueda, de “pórse do lado da empresa e non da xente”.

O secretario xeral do PSdeG afirmou que o proxecto “non é sustentábel desde ningún punto de vista: nin económico, nin medioambiental, nin social”. Neste sentido, manifestou o seu rexeitamento a iniciativa.

O dirixente socialista apuntou que “desde o PSdeG sempre defendemos que a sustentabilidade real debe cumprir esas tres patas. E Altri, con todo o que sabemos na actualidade, coxea das tres”.

“Presentáronnos no ano 2021 unha suposta factoría de fibras bioecolóxicas e modernas”, asegurou Gómez Besteiro, “e o que temos agora enriba da mesa é unha macrocelulosa con numerosos condicionantes medioambientais e moitas sombras económicas e sociais”.

Queren 250 millóns de euros de fondos europeos a fondo perdido”, denunciou Gómez Besteiro, “diñeiro de todos os galegos e galegas para unha proposta que nin é innovadora nin serve ao interese do país”.

O PP “actuou como un verdadeiro axente comercial de Altri”

Gómez Besteiro criticou que  “o Partido Popular actuou como un verdadeiro axente comercial de Altri, esquecendo completamente a súa obriga de defender o interese público”.

“Falaban de 2.500 empregos e agora escasamente chegan a 500”, lembrou Gómez Besteiro quen puxo o foco na “falsidade do impacto social prometido” pola empresa e pola Xunta da Galiza dirixida polo Partido Popular.

Non é un proxecto sustentábel, nin un proxecto de futuro”, insistiu Gómez Besteiro,  “é simplemente unha gran mentira. E aínda estamos esperando que o señor Rueda nos explique por que considera estratéxico este proxecto para Galiza”.

Comentarios