Albert: “En Valdeorras levamos nove días rodeadas de lume e cinzas”

O BNG demanda que as axudas para as familias cubran o 100% dos custos de recuperación da vivenda, “nin un euro menos”, e reclama a implicación de todas as administracións e a declaración de zona catastrófica ante o que considera "un desastre ambiental, económico e social". Ademais, a formación nacionalista, a través da deputada María Albert, denunciou a "falta de medios" e defendeu "un servizo de prevención e extinción totalmente público, profesionalizado e operativo os 365 días do ano".

A deputada do BNG María Albert, en rolda de prensa (Imaxe: Cedida)
photo_camera A deputada do BNG María Albert, en rolda de prensa (Imaxe: Cedida)

“Levamos nove días levantándonos entre lume e cinzas, cunha tremenda impotencia porque todos e todas coñecemos persoas que o perderon todo nestes incendios”. Así comezaba na mañá da sexta feira a deputada do BNG portavoz parlamentaria de Medio Rural e veciña de Valdeorras, María Albert, a súa intervención ante os medios de comunicación.

Unha rolda de prensa na que reclamou que as axudas anunciadas polo Goberno galego para as familias afectadas polos incendios “cubran a totalidade do custo de reconstrución das vivendas, sen tope, e que na achegas desas axudas contribúan todas as administracións: Estado, Xunta e deputacións provinciais”.

“As axudas deben chegar ao 100% para recuperar o perdido, nin un euro menos do que as familias precisen para reconstruír as súas casas, non se lle pode poñer tope á reconstrución das vivendas sexa 122.000 euros ou a cantidade que se precise para recuperar a vivenda arrasada pola lapas”, expuxo Albert.

"Hai que entender como se está vivindo in situ"

“Hai xente que o perdeu todo, sei que desde Santiago se ve a gravidade dos lumes, pero hai que entender como se está vivindo in situ, polo tanto as axudas non poden estar limitadas e deben cubrir o total da reconstrución das vivendas”, acrecentou.

Nesta liña, a deputada do BNG reclamou a “implicación” de todas as administracións e a declaración de zona catastrófica para os concellos afectados, sen perder de vista a contribución que lles corresponda ás aseguradoras.

Albert, que cualificou os incendios como “os máis grandes da historia en termos de hectáreas queimadas”, fixo fincapé no recoñecemento ao “inmenso” traballo que está realizando todo o persoal de extinción, “cunha precariedade de medios e mesmo arriscando a súas vidas”.

Así, a parlamentaria nacionalista cargou contra o feito de que o servizo “non estea operativo na súa totalidade”. Tamén advertiu de que “hai brigadas con menos persoal que o que estabelece a normativa, faltan medios mecánicos e faltan medios aéreos”.

Reivindica un sistema operativo os 365 días do ano

Albert criticou que os convenios entre Xunta e concellos, e que abrangue as brigadas, motobombas e rozas, non se asinaron até finais de xuño, “provocando que en moitos casos non dese tempo a contratación necesaria para estar totalmente operativos”. De aí que volvese insistir en reclamar “un sistema de prevención e extinción totalmente público e profesionalizado, con mando único, e operativo os 365 días do ano, porque os incendios apáganse en inverno e non por repetido deixa de ser unha evidencia”.

Tamén apelou a medidas estruturais a medio e longo prazo, “porque esta vaga de incendios debe supor un punto de inflexión para un cambio de modelo que deixe atrás anos de políticas de abandono do medio rural do PP”. Avogou, así, por un modelo que reordene o territorio, e por limpar un monte que, a ollos do BNG, debe ser “multifuncional”.

“O abandono e a despoboación son combustíbel para os lumes, abandono, despoboación e emerxencia climática son dinamita para o noso rural”, argumentou. Achegou, ao respecto, un dato que considerou “demoledor”: menos do 4% da superficie agraria está destinada a cultivo de alimentos para consumo humano, fronte ao 25% da medida estatal. “Non nos podemos permitir un abandono que acaba co noso medio rural que é o 90% do noso territorio”.

Comentarios