O PSdeG alerta de opacidade nos contratos de Medio Rural

Até 1.478 contratos menores en 2020
A comisión de Agricultura, reunida onte no Parlamento. (Foto: Parlamento Galego)
photo_camera A comisión de Agricultura, reunida onte no Parlamento. (Foto: Parlamento Galego)

O responsábel de Agricultura do Partido Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe en comisión parlamentar "o uso continuado de contratos menores" por parte da Consellaría de Medio Rural, o que chegou a cualificar de “obsceno”. Martín Seco denunciou que a Consellaría adxudicou até “1.478 contratos menores en 2020”, o que supón “centos de miles de euros de fondos públicos” outorgados de forma directa, “sen publicidade nin concorrencia competitiva”.

O deputado socialista esgrimiu que “a política de Medio Rural está baseada na síndrome do Diario Oficial da Galiza (DOG) e da CRTVG: continuos anuncios e contratacións sen publicidade nin concorrencia”. Así, Seco incidiu en que se podería denominar este departamento como “a Consellaría do Contrato Menor".

O responsábel socialista tamén lamentou “o paradoxal que resulta que, en plena era da administración electrónica e nun período de intensificación das canles de comercio electrónico, a Consellaría de Medio Rural non sexa capaz de facer máis que efectuar contratacións menores, facturazos e campañas de publicidade, tamén aboadas pola vía do contrato menor”.

“Veñen vender a todas as galegos e galegos as excelencias dunha xestión baseada exclusivamente na contratación menor, na que non se solicitan tres orzamentos e que está caracterizada por unha práctica administrativa máis propia de épocas pretéritas de adxudicacións directas vinculadas a campañas electorais”, sentenciou Seco.

Nese sentido, o parlamentar do PSdeG lembrou que a Oficina independente de regulación e supervisión da contratación publicou que o sistema de adxudicación directa propia do procedemento da contratación menor “choca de maneira frontal co principio de libre concorrencia”. 

Seco sinalou que nesa mesma instrución se estabelece “de forma taxativa a prohibición de fraccionamento dos contratos menores, as limitacións temporais, as obrigas de publicidade” e, “como medida antifraude e de loita contra a corrupción”, o órgano de contratación ten a obriga de “solicitar, como mínimo, tres orzamentos”.

Aliás, o deputado tamén lamentou o veto do PP a unha iniciativa parlamentar do PSdeG para instar o Goberno galego a introducir o consumo de produtos de proximidade e locais nos comedores e caterings dependentes da Xunta da Galiza.

Comentarios