Abren expediente a sete militantes do PSOE de Narón despois da crise na agrupación

Os afectados aseguran que as acusacións "non son certas" e algúns deles atribúeno a unha "criba" por seren afíns ao ex secretario xeral socialista Gonzalo Caballero.
Catalina García e David Pita esta segunda feira en rolda de prensa en Narón (Foto: Europa Press).
photo_camera Catalina García e David Pita son dous dos expedientados. (Foto: Europa Press).

O Partido Socialista da Coruña abriu expediente disciplinario a sete militantes de Narón, entre eles David Pita, Catalina García e Santiago Galego, quenes foran concelleiros no consistorio entre 2019 e 2023. Segundo informaron fontes socialistas, o expediente, que os afectados recibiron esta quinta feira, foi aberto en base ao regulamento da estrutura provincial e federal do partido por considerar que, entre outras cuestións, obstaculizaron a labor dos órganos do partido, incorreron en ofensas a compañeiros e non colaboraron coa xestora.

O partido designou unha persoa para instruír o expediente e agora os afectados teñen cinco días para presentar as súas alegacións, despois do que se procederá á resolución. Entre os afectados, fontes consultadas pola axencia Europa Press sinalan que nos expedientes se lles acusa de accións que "non son certas" en "ningún caso", como de "boicotear as eleccións municipais". Ademais, explicaron que algún dos afectados puxo o asunto en mans dun avogado e que consideran que se trata dunha "criba", tendo en conta que son afíns ao que fora secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero.

En concreto, en Narón, a dirección do partido designou Jorge Ulla como candidato, un feito que motivou discrepancias no seo da agrupación. E é que para o posto tamén se postulou o que fora edil de Promoción Económica, David Pita, un dos agora expedientados.

Pita fora o candidato en 2019, cando o grupo obtivo tres escanos na corporación e entrou a formar parte do Goberno local liderado por Terra Galega. Pola súa parte, nas municipais de maio de 2023, o PSOE de Narón obtivo dous edís.

Comentarios