A Xunta di que non subirá impostos ás rendas máis altas porque apenas aumentaría os ingresos

Nunha entrevista concedida a Cadena Ser a conselleira de Facenda asegura que unha reforma fiscal só permitiría ingresar 5 millóns de euros, cantidade que entende insuficiente para xustificar a suba de impostos ás rendas superiores a 100.000 euros.

O executivo galego négase de maneira rotunda a incrementar os impostos para as rendas máis altas. Así o manifestaba a conselleira de Facenda na súa intervención parlamentar para debullar os Orzamentos 2013 e, de novo, Elena Muñoz reiterouno esta fin de semana nunha entrevista concedida á Cadena Ser.

Muñoz asegura que unha reforma fiscal "tería un impacto moi pequeno"

Segundo a conselleira, incrementar os impostos ás faixas de renda máis altas (superiores a 100.000 euros) como pide a oposición, "tería un impacto moi pequeno" e non aumentarían os ingresos públicos. Muñoz, indicou que o número de persoas que en Galiza superan ese nivel de renda implicaría ás arcas públicas ingresar "cinco millóns de euros", porén, a conselleira entende que estes ingresos non xustificarían a suba impositiva.

Neste senso, Elena Muñoz, xa manifestara na súa comparecencia parlamentar a pasada cuarta feira, que a Xunta de Galiza non estaba disposta a aumentar o gravame sobre os tramos de renda máis alta malia ter argüído os recortes orzamentarios á falta de ingresos da administración pública. Pola súa banda, os grupos da oposición --que criticaron con dureza o anteproxecto presentado polo goberno galego e denunciaron que os recortes se centrasen, máis unha vez nos servizos públicos, propuxeron nas súas interpelacións a necesidade de se aprobar unha reforma fiscal en beneficio dun pagamento de impostos máis equitativo.

A oposición demanda incrementar os impostos ás rendas máis altas en aras dunha fiscalidade máis equitativa

En troca, no executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo, insisten en que a súa proposta é a duns orzamentos "sociais" que "blindan Galiza perante o rescate", garantindo, asegurou nas súas declaracións Elena Muñoz, "as prestacións de servizos básicos". Aliás, a conselleira de Facenda recuncou na idea forza que está a marcar o discurso do goberno galego e acrecentou que as contas públicas que pretende aprobar a Xunta de Galiza "procuran asentar as bases do crecemento", cuestión que di, comezará a se notar o vindeiro ano.

Comentarios