COMISIÓN NO HÓRREO

A dirección da CRTVG terá que explicar en sede parlamentaria o tratamento ao BNG

Os nacionalistas cren que os medios públicos caen "nunha burda manipulación".
Provocación dun cámara nunha manifestación polo galego
photo_camera Provocación dun cámara nunha manifestación polo galego

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, explicará este venres no Parlamento os baremos utilizados polos servizos informativos dos medios públicos galegos respecto á actualidade referida ao BNG. O deputado Bieito Lobeira elevou unha pregunta sobre o que define como “burda manipulación da RG e a TVG en relación co Bloque” que terá ser respondida en Comisión.

Segundo Lobeira, “a censura e a ocultación sistemática da actividade, iniciativas políticas, mobilizacións ou alternativas defendidas polo BNG contrasta vivamente coa hipertrofia da 'información', coa caricatura interesada sobre a información nacionalista. Ao PP cúmprelle a destrución do BNG, máis aínda no contexto económico e social crítico que padece o país”.

O parlamentario nacionalista cualifica os medios públicos como “canteira da eliminación da discrepancia”. “Nunca se falou tanto do BNG na televisión e radio galegas. Mágoa que non sexa para informar da súa actividade, senón para deformar e desgastar deliberadamente a súa imaxe. Resulta patético tal nivel de subordinación destes medios á estratexia do PP”, engade.

Na comisión parlamentaria, Sánchez Izquierdo terá que explicar a cantidade de minutos que dedicou a CRTVG entre outubro de 2011 e abril de 2012 á Asemblea Nacional do BNG e tamén cantos minutos nese período usou para informar sobre as iniciativas da organización

Comentarios