EU e FPG sitúan o problema de clase por riba da cuestión nacional

Unha delegación de Esquerda Unida e outra da Frente Popular Galega mantiveron hoxe unha xuntanza, motivada pola "necesidade de artellar unha ferramenta capaz de responder ao estado de quebra que afecta á maioría social".

A confluencia política é unha necesidade para as dúas formacións políticas: a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, afirmou que no contexto de emerxencia social "e o terrorismo financeiro practicado desde a política do PP", a sociedade "precisa dunha vertebración política que dea esperanza á cidadanía". 

Con EU coincide a FPG: "por riba da cuestión nacional, está o problema de clase". Entre os seus obxectivos está referendar calquera iniciativa ou proceso encamiñado á loita pola hexemonía d@s traballador@s. Continúa así o proceso de converxencia entre forzas de esquerda e anticapitalistas: Esquerda Unida anunciou contactos coa FPG, Equo e Ecogalegistas, e proximamente con Esquerda Anticapitalista, Partido Humanista ou Anova-Irmandade Nacionalista, coa vontade de construíren unha fronte que xa chaman a "Syriza galega".

Comentarios