O BNG demandará a Bruxelas a creación dun fondo de compensación para o sector lácteo

Após a aplicación da reforma da PAC, a UE suprimirá o sistema de cotas e iso xa non é debatíbel. Porén, @s nacionalistas demandan a creación dun fondo que "compense ás explotacións endebedadas" e free "a inestabilidade dos prezos do leite" en Galiza logo de que Estrasburgo liberalice o sector.
photo_camera Ana Miranda e Tereixa Paz en comparecencia de imprensa

Así o anunciaron esta terza feira a parlamentar, Tereixa Paz e a eurodeputada da organización frontista, Ana Miranda quen levará a Bruxelas a creación deste fondo de compensación con cargo aos Orzamentos europeos que se aprobarán a vindeira semana no Parlamento europeo. Neste senso, o Bloque exixirá á institución comunitaria a compensación das explotacións leiteiras galegas "pola supresión do sistema de cotas en 2015". Segundo as nacionalistas, a eliminación deste sistema --en vigor desde os anos noventa-- suporá "a liberalización da produción" e repercutirá de maneira moi negativa "nuns prezos do leite moi precarizados".

A crise do sector, cuxas remuneracións se sitúan por debaixo da media estatal no litro de leite, agudizarase nas explotacións leiteiras a partir de 2015 ao se suprimir o sistema de cotas que limita a produción a nivel europeo. Aliás, numeros@s gandeir@s carrexan importantes débedas após mercaren ampliacións de cota que logo de se aprobar a supresión, deberán ser igualmente pagadas. Neste senso, a organizacións frontista exixirá que a UE cree un fondo de compensación --cuxa contía deberá ser debatida co sector-- encamiñado a paliar os efectos que a eliminación das cotas supoñan para @s gandeir@s.

“Para a distribución dese fondo hai que ter en conta o emprego que xera cada explotación e a función social de fixar poboación ao territorio”, asegurou a deputada Tereixa Paz en comparecencia de imprensa.

Limitacións das axudas directas ás grandes explotacións
As nacionalistas aseguraron esta terza feira que o BNG defenderá no Parlamento a fixación de límites na asignación de axudas directas ás explotacións. Neste senso, propoñen estabelecer un máximo de 100.000 euros de axuda á fin de rachar coa tendencia actual en que "o 20% das explotacións acaparan o 80% das axudas" denunciaron as deputadas. Aliás, defenderon que as subvencións comunitarias deixen de se vincular á extensión territorial e que as axudas sexan atribuídas "aos agricultores activos" entendid@s como aquel@s que desenvolven de maneira activa a actividade agraria --fronte as terratenentes como a duquesa de Alba.

Comentarios