Ana Belén Vázquez, número 1 do PP por Ourense

​“Sánchez pregouse aos intereses dos independentistas cataláns e dos herdeiros de ETA"

​Ana Belén Vázquez naceu en Bande en 1975 e é licenciada en Dereito e funcionaria do corpo superior da administración local. Encabeza a candidatura do PP por Ourense ao Congreso. Conta con folgada experiencia nas Cortes Xerais, xa que foi deputada durante varias lexislaturas, incluída a que vén de finalizar. ​Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

Ana.Vazquez
photo_camera Ana Vázquez

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Como calquera proceso electoral, estes comicios tamén son de grande importancia para as galegas e os galegos, pois xogámonos moito máis que un goberno, debido á crise territorial e á desaceleración económica que estamos sufrindo. E todo, por un presidente do goberno que, por manterse no poder, pregouse aos intereses dos independentistas cataláns e dos herdeiros de ETA de Bildu.

Neste proceso, Galiza non conta para nada, como se demostrou nos orzamentos que propuxo Sánchez

Neste proceso, Galiza non conta para nada, como se demostrou nos orzamentos que propuxo Sánchez e no feito de que, despois de tanta viaxe nestes oito meses, non se dignase visitar Galiza [Sermos Galiza recibiu este cuestionario antes da presenza de Sánchez na Galiza]. Se Sánchez segue no poder, quedará novamente unha España quebrada e un xeito de goberno que dispendia o diñeiro público, con catro ministerios máis. A maiores, subirá os impostos para pagar o seu gasto desmedido.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Eu dividiría a lexislatura en dúas partes. A primeira de Raxoi, cun apoio decidido a proxectos fundamentais para Galiza e unha interlocución constante coa Xunta. Todo foi colaboración e cooperación.

Con Raxoi todo foi colaboración e cooperación

A segunda parte corresponde ao goberno de Sánchez, que discrimina a Galiza nos orzamentos xerais do Estado cun 20 % menos de investimentos para a nosa comunidade e paralizando proxectos importantes. Son 63 euros menos de investimento que nos quitaban a cada galego, entregando 97 euros máis a outras comunidades. Este é o goberno de Sánchez, que prefire chamar a Otegi e non preguntar na Galiza.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Sen ningún xénero de dúbida, o primeiro é o despoboamento, que por outra parte é unha cuestión que afecta non só a Galiza, senón ao resto de España e mesmo a Europa. Nós queremos falar en positivo, analizando este tema e procurando solucións, por iso falamos de reto demográfico, que é un dos principais eixos do programa electoral do PP e que inclúe máis de medio cento de medidas específicas para o rural.

Diante da incerteza política, o investimento privado non move ficha á espera dunha maior seguridade

En segundo lugar está a inestabilidade política provocada polo goberno de Sánchez, que tamén xera incerteza nos galegos e na política da Xunta. Ademais, como en todas partes, diante da incerteza política, o investimento privado non move ficha á espera dunha maior seguridade.

Por último, pero non menos importante, as comunicacións no rural. Temos que traballar duro para mellorar as comunicacións internas, que son fundamentais se queremos manter a poboación. E non só falo de estradas. No caso de Ourense, falo tamén de mellorar as comunicacións en comarcas como Monterrei ou Valdeorras para que nun futuro moi próximo teñan un acceso áxil ao AVE a través da estación da Gudiña, a primeira de Galiza.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Non teño dúbida. Ana Pastor, unha muller que fixo gala dun enorme talante de diálogo permanente desde a presidencia do Congreso. Iso debería ser a lexislatura próxima, a do diálogo e do acordo polo ben de Galiza e de España.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Tampouco hai dúbida. A primeira iniciativa que presente no Congreso terá como protagonista a Ourense, terra pola que sinto paixón. Pero aínda lle digo máis, seguro que terá relación co rural, porque sei que ten futuro, que podemos aproveitalo moito máis, que ofrece moitísimas oportunidades e porque creo nel, pois nacín no rural e vivo no rural.

Como ve as opcións do PP na cita electoral?

Temos a opción de gobernar se sabemos unir o voto e non regalar deputados a Sánchez. O voto unido é o mellor xeito de conseguir unha nova oportunidade para demostrar o que sabe facer o PP cando goberna. Por exemplo, en Ourense tanto Vox como Ciudadanos non lograrán escano é serán votos que se perdan, dándolle un deputado máis a Sánchez.

Comentarios