O nº2 da 'Marca España' demite após chiar 'Cataláns de merda, non merecedes nada'

Doce horas despois de que Juan Carlos Gafo se desculpase en Twitter e anunciase que deixaba o cargo, coñeceuse que o ministerio de Asuntos exteriores procedería ao seu cesamento ao considerar que a mensaxe difundida "é intolerábel e contrario ao espírito da Marca España, que ampara todas as rexións españolas"



​"Cataláns de merda, non merecedes nada". Foi o chío que publicou na súa conta de Twitter o director adxunto da 'Marca España', Juan Carlos Gafo, despois da multitudinaria pitada ao himno español que se produciu no acto de inauguración dos mundiais de natación en Barcelona, pitada que, por certo, foi maquillada na retransmisión que fixo TVE ao baixar considerabelmente o volume do son ambiente. Soou tamén o himno nacional de Catalunya, que foi entoado con intensidade polo público asistente.

Ambas as dúas actitudes incomodaron o directivo español, que o sábado pola mañá se esforzou en pedir desculpas de novo a través do Twitter. Primeiro borrou o que escribira.

Apelou despois á "comprensión" perante o "cabreo" que seica lle produciu o rexeitamento manifesto ao himno de España, que nese momento soaba nunha nación que o Estado español non recoñece. Entre o público alguén sostiña unha faixa coa lenda 'Catalunya non é España'.

Após unha hora anunciou que "rectifiquei" e xustificouse: "sentoume mal que asubiaran o himno español. Iso é todo. Non teño nada nin contra Cataluña nin contra os cataláns".

E máis unha hora despois pediu "perdón", subliñou que "foi un erro" e que "os que me coñecen saben que non penso así". No mesmo chío xa fixo pública a súa demisión. 

Desde o anuncio de Gafo até que se coñeceu que o ministro de Asuntos exteriores, José Manuel García-Margallo, decidira cesar o alto cargo da 'Marca España' pasaron doce horas.

​Segundo publica a imprensa española, García-Margallo púxose en contacto co Alto comisionado da entidade para coñecer da autenticidade da mensaxe enviada por Gafo a través da citada rede social. De seguido, apartouno das súas funcións ao considerar que o seu comportamento "é intolerábel e contrario ao espírito da Marca España, que ampara todas as rexións españolas".

Máis en Països Catalans
Comentarios