REACCIÓNS AO ÉXITO DA VIA LLIURE

A Diada dálle alcance internacional ao proceso soberanista en Catalunya

Junts pel Sí coida que o éxito confirma o apoio popular á ruptura con España. Catalunya Si Que Es Pot rexeita o “atallo” dunha Declaración Unilateral de Independencia e critica a “manipulación” da Diada. As CUP consideran o 11S un punto de partida no proceso de ruptura.

[Vídeo do percorrido da Via Lliure publicado pola ANC]

A resaca da multitudinaria “Via Lliure” coa que arredor de dous millóns de persoas celebraron a Diada na Meridiana de Barcelona, visa o alcance dunha convocatoria que tivo lugar coincidindo co inicio da campaña electoral rumo aos comicios do 27-S. Non foi, nin de lonxe, unha Diada máis. Para alén da espectacular demostración de apoio popular das forzas soberanistas, a de onte foi unha convocatoria marcada pola claridade e a contundencia da mensaxe. Independencia, foi a palabra de orde dunha convocatoria que hai catro anos botaba a andar reclamando apenas o “dereito a decidir”.

Televisións, radios e prensa de todo o mundo deron conta do clamor social en Catalunya a prol da constitución dun estado de seu

O impacto da Diada atinxiu nivel mundial. Así o confirma a ampla cobertura que a prensa internacional realizou da manifestación. Televisións, radios e prensa de todo o mundo deron conta do clamor social en Catalunya a prol da constitución dun estado de seu, segundo recolle o dixital catalán Vilaweb. Cabeceiras como The Guardian, The New York Times, Financial Times,  The Wall Street Journal, The Telegraph, Le Monde ou Die Zeit, e cadeas de televisión co a británica BBC,  Euronews ou Al-Jazeera cubriron informativamente tanto o decorrer deste 11S como, sobre todo, o seu contexto político.

[Foto: @palamospower]Reaccións

As reaccións ao grande suceso da Diada non se fixeron esperar. Os organizadores da convocatoria, a ANC e o Òmnium Cultural apostaron porque a de onte fose a derradeira Diada “da Catalunya autonómica” e manifestaron de que non van aceptar “nin claudicacións nin falsas vías”. Desde a Assemblea Nacional Catalana advertiron da súa disposición a canalizar accións de desobediencia civil, diante de posíbeis bloqueos ou atrancos que desde o Estado español se poidan poñer ao proceso soberanista no caso de se producir unha vitoria independentista o 27-S.

O President, Artur Mas (CDC), interpretou o resultado da manifestación como “un clamor moi forte e moi claro” co que “unha nación con lingua e cultura propias que para seguir sendo ela mesma e para progresar pide simplemente ter un Estado, un instrumento para seguir sendo no futuro o que foi no pasado”. Mas, chamou ao Estado español a abandonar o “orgullo imperial” e deixar de “ameazar” ao povo catalán. Oriol Junqueras, presidente de ERC, e parceiro de Mas na candidatura Junts pel Si (JpS), defendeu que na Diada “a cidadanía expresouse de forma moi clara” e demandou a convocatoria dun referendo cunha soa pregunta “se queren que Catalunya sexa un estado da Unión Europea”.

O soberanismo defende que o éxito da convocatoria visa o apoio popular á independencia

Para Antonio Baños, cabeza de lista por Barcelona das CUP, a marcha de onte foi “o punto de partida” na “loita pola liberdade do povo catalán”. Baños defendeu a necesidade de encher de contido a independencia como vía de ruptura que se substancia nun proceso constituínte para transformar a realidade.

As forzas estatais insistiron na súa oposición ao proceso soberanista en marcha, malia o enorme apoio popular que o empurra. Neste sentido Alfredo Pérez Rubalcaba (PSOE) pedía a Artur Mas que clarificase se quere “convivir ou divorciarse”.  A líder do PP en Catalunya, Alicia Sánchez Camacho, reprochou ao President “renunciar a ser o Presidente de todos” nuns termos case exactos aos utilizados pola candidata de Ciudadanos, Irene Arrimadas. Pola súa banda, a Vicepresidenta do Goberno español, Soraya Saenz de Santamaría, rebaixaba lixeiramente o tono apelando a analisar a situación “con frialadade”. 

Catalunya Sí Que es Pot, ausente na Diada, rexeita o "atallo" dunha Declaración Unilateral de Independencia

Desde Catalunya Sí Que Es Pot, a candidatura que aglutina a Podemos, ICV e EUiA, volveron marcar distancia co proceso soberanista. O seu cabeza de lista, Lluís Rabell, rexeitou participar na Diada ao considerar que a convocatoria estaba “instrumentalizada”. Ao remate da mesma acusou a  Artur Mas de “manipular” o Onze de Setembre para o converter nun acto de campaña para a súa reelección.  Malia recoñecer o éxito da convocatoria, Rabell advertiu de que “non pode haber atallos” para a “aspiración nacional” de Catalunya. Desta maneira reitera a oposición da súa candidatura diante dunha eventual Declaración Unilateral de Iindependencia, prevista na folla de rota de Junts pel Sí, negando o carácter plebiscitario do 27-S. Desde Catalunya Sí Que Es Pot, pola contra, apostan pola convocatoria dun novo referendo “con garantías”.

En termos coincidentes con Rabell expresouse tamén Joan Herrera, de ICV (forza integrada na súa candidatura). “Precisamos maioría do 70% ou do 80%, non queremos un país partido pola metade” defendeu, en contraposición ao criterio de Junts que coidan unha maioría absoluta no Parlament como aval democrático suficiente para poñer en marcha a ruptura con España.

[Foto: @palamospower]

Máis en Països Catalans
Comentarios