Mercosur decreta a suspensión inmediata de Paraguai

Os Estados asociados do Mercado Común do Sur (Mercosur) decidiron a suspensión inmediata de Paraguai e expresaron a súa máis enérxica condena á ruptura da orde democrática nese país.
Mercosur

A postura de condena ao golpe de Estado en Paraguai por parte do Mercosur fixouse nunha declaración aprobada esta fin de semana, a cal subliña ademais que Paraguai quedou sen dereito a participar na XLIII Reunión do Consello do Mercado Común e o Cumio de Presidentes do Mercosur, previstos para esta semana na cidade arxentina de Mendoza, dixo a Chancelaría local.

 

Subscrito por Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, Bolivia, Chile, Colombia, Ecuador e Perú, o texto resalta que "a plena vixencia das institucións democráticas é condición esencial para o desenvolvemento do proceso de integración".

 

A declaración resolve, por último, considerar, a nivel de xefes e xefes de Estado na Reunión Cumio do Mercosur do próximo 29 de xuño "ulteriores medidas a ser adoptadas".

Timerman:"en ningún caso encontramos o máis mínimo interese na oposición de dialogar connosco"

O chanceler de Arxentina, Héctor Timerman, cualificou nunha entrevista de "execución sumaria" o acelerado proceso de xuízo político realizado polo Senado paraguaio e que rematou coa destitución do presidente constitucional Fernando Lugo. "En Paraguai utilizouse un mecanismo considerado na Constitución; pero foi aplicado de tal forma que viola non só o espírito desta, senón toda práctica constitucional do mundo democrático", subliñou o diplomático.

 

Timerman, quen no momento do golpe de Estado estaba en Asunción xunto a outros ministros de Relacións Exteriores da Unión de Nacións Sudamericanas (Unasur), revelou ao diario Página 12 detalles das xestións de intermediación realizadas alí polo bloque. "É triste o que aconteceu en Paraguai", sostivo o diplomático, e insistiu en que "darlle dúas horas de defensa a un presidente democraticamente electo é un tempo menor ao que ten quen pasou un semáforo en vermello". Comentou que os chanceleres de Unasur fixeron todo o posible para buscar alternativas. Mais "en ningún caso encontramos o máis mínimo interese na oposición de dialogar connosco e buscar unha opción á execución sumaria dun presidente", lamentou.

 

Máis en Mundo
Comentarios