A esquerda mexicana impugnará os resultados das presidenciais

Á espera do resultado definitivo, López Obrador acusou máis unha vez de fraude ao PRI
photo_camera Protesta #YoSoy132 contra o candidato priista

O pasado un de xullo tiveron lugar as eleccións presidenciais en México. Cun índice de participación pouco superior ao 60%, o Partido Revolucionario Institucional (PRI) ocupará de novo a presidencia do país, após unha ducia de anos.O seu candidato, Enrique Peña Nieto, converterase no vindeiro presidente mexicano co 37,97% dos votos, nuns comicios marcados pola fraude electoral.

As acusacións a respecto das irregularidades acontecidas durante a campaña sucedíanse acotío e apuntaban con claridade ao candidato priista. Para alén de superaren o custo máximo fixado para o período de campaña, o partido opositor desenvolveu prácticas de dubidosa legalidade ao repartir entre a cidadanía tarxetas de crédito por valor de mil pesos -aproximadamente 60 euros, financiábeis no centro comercial Soriana -Estado de México. A operación financeira encamiñada a promover o voto a prol de Peña Nieto, foi denunciada polo candidato de esquerda, López Obrador.

#YoSoy132, convoca manifestacións contra o candidato priista

A máis das súas estratexias electorais, o candidato presidencial do PRI contou cunha forte oposición entre o estudantado, nomeadamente entre as persoas que integran o movemento #YoSoy132. Este colectivo foi creado o 11 de maio do pasado ano contra o candidato priista. Neste senso, entre as metas do movemento -semellante na forma ao 15-M, atópanse a creación de birgadas informativas encamiñadas a difundir unha outra mensaxe sobre o ex-gobernador.Así mesmo, denunciaron ao longo da xornada de votacións múltiples irregularidades,entre elas a emisión de propaganda durante as votacións en canles como Televisa e TV Azteca ou o impedimento para exerceren os seus dereitos constitucionais a numerosas persoas.
Logo de coñecéronse os resultados electorais o movemento #YoSoy132 convocou unha multitudinaria manifestación na capital do país para denunciaren a fraude e obxectaren o trunfo priista. Ao longo do percorrido escoitáronse consignas como: Mexico votou e Peña non gañou!

A coalición de esquerda, non acepta os resultados electorais

Pola súa banda, o candidato de esquerdas, López Obrador que conseguiu o 31,7% dos votos emitidos, rexeitou os resultados obtidos nas presidenciais asegurando que existiu unha compra millonaria de votos e unha xestión non equitativa da información nos principais medios de comunicación mexicanos. Non obstante, o candidato do Partido da Revolución Democrática (PRD), asinara pouco antes de rematar a campaña e xunto @s demais candidat@s, un acordo polo que se comprometía a respectar os resultados dos comicios. O texto, pretende evitar unha situación como a acontecida no anterior proceso electoral. Daquela, López Obrador -que obtivera uns resultados moi próximos a Calderón, autonomeárase presidente lexítimo de México, negándose a recoñecer ao candidato do PAN.

Un PRI novo, para un México novo

Malia promover unha imaxe distinta á que deixaron no maxín mexicano os 71 anos de goberno presidencial en mans do PRI, Peña Nieto carga sobre as súas costas a lembranza dunha política pouco democrática, desenvolvida polos seus predecesores entre 1929 e 2000, a máis das acusacións vertidas a respecto das súas estratexias electorais. As primeiras verbas do vindeiro mandatario contiñan un claro ton conciliador -que procuraba evitar o que semella inevitábel, a través da apelación á "eficacia, honestidade e transparencia", á capacidade de crítica e á "reconciliación nacional".

Mais o seu ton amigábel non convence á coalición de esquerda, que impugnará o proceso electoral após remate o reconto oficial. López Obrador, mais tamén o movemento xuvenil #YoSoy132, din contar con probas suficientes que demostraren a estratexia electoral fraudulenta e a compra de votos para o candidato priista.

Máis en Mundo
Comentarios