A Xustiza dita a inadmisión dunha querela que denunciaba os crimes do franquismo

Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes formularon ante os Xulgados de Instrución de Vigo unha denuncia que na constaba as torturas que viviron en 1976

Sede da Audiencia Nacional en Madrid. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
Sede da Audiencia Nacional en Madrid. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O 26 de setembro de 2025 Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes formularon ante os Xulgados de Instrución de Vigo unha querela criminal na que se denunciaron as torturas sufridas nun contexto de crimes contra a humanidade, tras a detención de ambos os dous querelantes o 8 de xullo de 1976 en Vigo, na cafetería Reca 2.

A querela sumouse ás máis de 115 querelas presentadas no conxunto do Estado español, nas que se exixe a investigación e axuizamento dos crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista, sendo a segunda querela presentada na Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo. Na querela imputouse aos querelados un delito de torturas en concurso con crime de lesa humanidade.

Esta sexta feira, a Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo (praza n.2) ditou o auto de inadmisión a trámite, acordando o sobresemento libre e arquivo das actuacións por prescrición e a aplicación da Lei de Amnistía de 1977 aos delitos obxecto de denuncia.

Os demandantes sinalaron que o auto ditado “confirma que a actual Lei de Memoria Democrática consolida un modelo de impunidade inadmisíbel nun Estado de Dereito e que infrinxe, unha vez máis, os dereitos máis elementais que asisten a aquelas persoas que sufriron crimes franquistas”. Cuestión que se constata no Auto 57/2024, ditado polo Pleno do Tribunal Constitucional que sinala que o articulado desta lei non habilita para investigar os crimes do franquismo.

Neste senso, consideran que o auto corrobora que, despois de 50 anos da morte de Franco, “aínda se manteñen impunes os crimes contra a humanidade cometidos durante máis de 40 anos ditadur”a.

Desde Ceaqua manifestaron a súa “absoluta” desconformidade e rexeitamento co contido do auto por “consolidar un modelo de impunidade inadmisíbel nun Estado de Dereito, atopándonos nunha situación de anomalía xurídica na que son precisos cambios lexislativos para pór fin ás políticas de impunidade do Estado español”. Situación denunciada en xullo de 2025 polo Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas que lamentou a inexistencia de actuacións penais efectivas contra estas graves violacións de dereitos humanos.

Por último, sinalaron que o equipo xurídico formulará o correspondente recurso de apelación contra o auto ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, continuando coa denuncia do “modelo de impunidade do Estado español que impide a investigación e axuizamento destes graves crimes de Dereito Internacional”.

Comentarios