A Xunta dá 1,8 millóns a unha empresa para facer un restaurante no Mosteiro de Oia que fora campo de concentración

No Consello da Xunta desta quinta feira, o Goberno galego aprobou unha resolución para levar a cabo un proxecto que “foi presentado o pasado mes de novembro pola empresa Residencial Mosteiro de Oia, SA, que suporá dotar ao Mosteiro de Oia dun restaurante”.
O icónico Mosteiro de Oia (Foto: Nós Diario).
photo_camera O icónico Mosteiro de Oia (Foto: Nós Diario).

Data de, polo menos, o século XII e foi a comunidade monástica de maior importancia socioeconómica da diocese de Tui. Trátase do famoso Mosteiro de Oia, no Baixo Miño, un dos edificios máis emblemáticos da Galiza e que en tempos da guerra civil foi usado como un campo de concentración.

No Consello da Xunta da Galiza desta quinta feira, o Goberno galego aprobou unha resolución para levar a cabo un proxecto que “foi presentado o pasado mes de novembro pola empresa Residencial Mosteiro de Oia, SA, que suporá dotar ao Mosteiro de Oia dun restaurante”.

O proxecto conta, de acordo coa Xunta, “cunha axuda de 1,8 millóns de euros (80% do investimento necesario) que sufragará, entre outras accións a reforma e rehabilitación do sistema envolvente e estrutural, así como da contorna e sistema de instalacións, mellora de carpinterías, cubertas e envolvente. Tamén se inclúen actuacións de mellora en instalacións de iluminación e control, sistemas con contribución renovábel, mellora de accesibilidade, entre outras”.

“Na planta baixa, a antiga enfermería será reconfigurada para albergar a recepción do restaurante, a zona de bar do restaurante e dous aseos adaptados para persoas con discapacidade. Estes últimos estarán precedidos por un vestíbulo que proporciona un acceso adecuado e con dobre porta”, salienta a Xunta.

Historia

Algúns autores xa falan da súa existencia en tempos de Martiño de Dumio no século VI; outros atribúen a súa fundación a san Froitoso de Braga un século máis tarde. Porén, faltan documentos que sexan concluíntes até o século XII, cando se atopan referencias a unha comunidade monástica no lugar. Esta comunidade pertencente a Orde de San Bieito debeu ser froito da fusión de comunidades xa existentes na comarca.

Viviu decenas de batallas históricas pola súa posición estratéxica e as súas paredes son testemuña de torturas de republicanos durante a guerra civil, cando se utilizaba como campo de concentración.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios