Un xulgado da Coruña declara que o pazo de Meirás é do Estado e ordena aos Franco a súa devolución

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de estimar de maneira íntegra a demanda para a devolución do Pazo de Meirás interposta polo Estado, ao que declara propietario do inmóbel, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Tamén condena a familia Franco á súa devolución sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade.

pazo meirás 19
photo_camera Acto reivindicativo dos 19 de Meirás no pazo (Foto: 19 de Meirás)

No procedemento xudicial, a Xunta da Galiza, os concellos de Sada, A Coruña e a Deputación coruñesa defenderon a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constaban seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "finca denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requirimento esencial de forma".

En relación a este fundamento, aclara a xuíza que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha Xunta Pro Pazo "do Caudillo" para comprar e regalar o Pazo de Meirás "ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional".

A maxistrada rexeita o argumentrio da parte demandada, que terá que devolver o pazo ao pobo

"O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle agasalla a el por si mesmo, senon ao xefe do Estado", engade, apoiando así os argumentos dos demandantes e rexeitando os da parte demandada nunha sentenza dunhas 400 páxinas.

Canales entende que a operación que se fixo como compravenda respondeu a "unha simulación". Así non entendeu que fose certo o argumento da familia que di que aquel trámite era "só co obxecto de polo ben ao seu nome".

Nulidade da escritura

En tal situación non é preciso restituír nin o ben patrimonial nin un pago por él porque foi incorporado á fortuna dos Franco "de mala fe". A xuíza detecta esa forma de actuar "cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún".

A xuíza entende que a familia Franco incorporou a propiedade ao seu patrimonio "de mala fe"

De feito, Canales recorda que o Estado foi o que se fixo cargo dos gastos desta residencia estival e que "o Pazo de Meirás se xestionaba de forma idéntica ao pazo de El Pardo".

Neste contexto, na sentenza recóllese que a escritura é considerada nula, como tamén é a doazón dunhas leiras que aparece nun documento datado en novembro de 1982.

Mentres os avogados dos Franco pensan que o momento elixido para presentar a demanda é "un atraso desleal", para a responsábel da sala "a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado após moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático". Neste sentido advirte de que o Estado "nunca renunciou aos seus dereitos".

No documento legal, conclúese que "a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de dono ao seu favor".

"Coas consecuencias de que a totalidade da leira debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse", subliña.

Oito millóns de euros

Contra esta decisión, as e os parentes do ditador aínda poden presentar un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Todo o proceso e a polémica por este intento de venda xurdiron hai varios anos nada máis pór as e os herdeiros a propiedade anunciada nunha inmobiliaria cántabra de luxo (Mikeli) por 8 millóns de euros.

En 2018 houbo outro intento de sacar un rédito económico ao inmoble, máis a contestación cidadá e das institucións públicas mantívose como até entón e obrigou as persoas achegadas ao ditador a agardar unha resolución xudicial. Un dos colectivos máis activos na reivindicación desta propiedade foi o dos 19 de Meirás, que segue a perseguir o seu obxectivo.

Comentarios