luns 28/09/20
IRMá DE HUMBERTO BAENA, DERRADEIRO EXECUTADO DO FRANQUISMO

Flor Baena: “Despois de matalo, secuestráronos a meu irmán”

Conversamos con Flor Baena, a irmá pequena de Humberto, quen na súa derradeira carta, con tan só 24 anos, escribía: “Papá, mamá. Executaranme mañá. Quérovos dar ánimos. Pensade que eu morro, mais a vida segue”. Xunto José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz, Ángel Otaegui e Juan Paredes Manot, “Txiki”, Humberto Baena foi executado após un proceso xudicial acelerado e ateigado de irregularidades.

[Imaxe: X.C. Garrido] Flor Baena, irmá de Humberto Baena
[Imaxe: X.C. Garrido] Flor Baena, irmá de Humberto Baena

O 27 de setembro cumpríronse 40 anos dos últimos fusilamentos da ditadura. Tres militantes do FRAP, Xosé Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz, e dous da ETA, Ángel Otaegui e Juan Paredes Manot, “Txiki”, foron executados após un proceso xudicial acelerado e ateigado de irregularidades. Conversamos con Flor Baena, a irmá pequena de Humberto, quen na súa derradeira carta, con tan só 24 anos, escribía: “Papá, mamá. Executaranme mañá. Quérovos dar ánimos. Pensade que eu morro, mais a vida segue”. Flor confesa que a peor parte foi “o dano moral que sufriron os seus pais. Iso non hai xeito de revertelo”, lamenta emocionada. “Teño a esperanza de que Peter fique na historia como un asasinado e non coma un asasino”, expresa esta activista da memoria, quen nos explica que as feridas seguen sen cicatrizaren, “é imposíbel que fechen porque non se fixo xustiza”.

Como viviu a súa familia o fusilamento de Humberto Baena?

Eramos tres irmáns: Fernando, Peter (como lle chamabamos na casa a Humberto) e mais eu. Sempre foi moi serio, mais encantáballe vacilarme. Metíase moito comigo, mais sempre me protexía, por ser a pequena. Criámonos xuntos na casa de meus pais (Fernando criárase coas miñas tías), quizais por iso tiñamos unha complicidade enorme. Peter estudou o bacharelato no instituto Santa Irene, onde coñeceu a Ferrín. A partir de entón, xurdiron nel as inquietudes políticas.A súa primeira detención tivo lugar cando estudaba Filosofía e Letras en Santiago. Foi logo de participar nunha sentada para protestar polos métodos do reitor. Ese día a policía detivo perto de 200 estudantes, pero entre eles non estaba meu irmán. Con todo, esa fin de semana a policía foi á casa de meus país e levouno. Supostamente, ía á comisaría de Vigo, mais mandárono para A Coruña e tivérono dous meses detido alí. Nin sequera lle permitiron facer os exames e perdeu o curso. Meu pai tivo que pagar unha fianza de 15.000 pesetas (eran moitos cartos daquela e tivo que pedilos prestados) para poder traelo para a casa.

Que aconteceu no xuízo pola participación na sentada?

O xuízo tivo lugar dous anos após de pasar iso. Saíu absolto porque o único que fixera fora ficar sentado. Malia saír absolto, deixáronlle antecedentes penais. Foi moi inxusto, pois era inocente. Soubo que lle deixaran antecedentes cando quedou sen un posto de traballo en Citroen debido ao certificado de penais. Daquela, os antecedentes penais duraban cinco anos e por iso tivo que traballar de peón de fundición nunha empresa na que todos os días había algún accidente laboral. Ese 1 de maio de 1975 meu irmán non foi á manifestación dos traballadores por motivos persoais. Agora xa pode contarse o porqué: a súa moza era a filla dun señor da Falanxe. Contaba que recibía unhas malleiras terríbeis. Escapou da casa e meu irmán e os amigos, que a axudaron a escapar, decidiron non ir aos protestos porque ese señor estaba á espera de os coller.

"Non quería volver pasar polas malleiras que recibira na Coruña e marchou. Esa noite pasouna na casa dos pais de Suso Vaamonde en Vigo"

E nesa manifestación, acabou morto un operario de Fenosa…

Un policía de paisano disparou ao aire e matou un empregado de Fenosa, aínda que a esquela dicía que morrera por un accidente laboral. Cando meu irmán e os amigos souberon disto, foron ao Faro de Vigo e contrataron unha esquela que indicaba que morrera pola represión policial. No Faro, pedíronlles os carnés de identidade e cobráronlles a esquela, mais nunca chegaron a publicala. Ao día seguinte, comezaron a deter as 13 persoas que se identificaran no Faro. Entre estas persoas atopábase José Pablo, o curmán do meu marido. Estabamos comendo na casa de meus pais cando dixen que algo pasara con José Pablo e, de seguido, Peter dixo: “entón veñen a por min”. Non quería volver pasar polas malleiras que recibira na Coruña e marchou. Esa noite pasouna na casa dos pais de Suso Vaamonde en Vigo. O pai de Suso e un familiar levaron María –a súa moza- e Peter a Madrid.

[Esta entrevista foi publicada a dupla páxina no caderno A Fondo nº127, que podes mercar xa na nosa loxa]

comentarios