O parlamento galego homenaxea Alexandre Bóveda

Dáse cumprimento a un acordo parlamentario de 2021.

Alexandre Bóveda
photo_camera Alexandre Bóveda

A Sala do Rexurdimento do Parlamento da Galiza acolle esta cuarta feira un acto de homenaxe a Alexandre Bóveda, político nacionalista asasinado en 1936 polas forzas franquistas, e ao conxunto das vítimas da ditadura de Francisco Franco.

Con este recoñecemento, a Cámara galega dá cumprimento a un acordo plenario aprobado en 2021 que ficaba pendente e que era moi similar a outro  acordado en 2006 durante o Goberno bipartito de BNG e PSdeG, que nunca chegou a cumprirse.

No ano 2006 o Parlamento galego aprobaba por unanimidade unha iniciativa do grupo nacionalista coa que acordaba realizar “un recoñecemento especial á figura de Alexandre Bóveda”. Porén, este acordo nunca se cumpriu.

15 anos máis tarde, en 2021, e tamén a iniciativa do BNG, o lexislativo galego pactou, nun acordo moi similar ao de 2006, a celebración dunha homenaxe a Bóveda, tamén co apoio do Partido Popular. Desta vez, o tributo “só” tivo que agardar dous anos, e o Parlamento galego cumprirá a súa palabra cun acto de homenaxe a unha das figuras máis relevantes do Partido Galeguista.  

Non obstante, o BNG tamén pedía a institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, data que en 1936 Bóveda foi fusilado na Caeira, en Poio. A esta petición negouse un Partido Popular que si accedeu a honrar a memoria das vítimas da ditadura franquista.

O evento contará coas intervencións de Aurora Marco, en representación das asociacións da memoria histórica e das vítimas, e de Amalia Bóveda, filla do homenaxeado. Ademais, inaugurarase unha escultura conmemorativa no xardín do Parlamento.

Comentarios