O Goberno español aproba esta terza feira a Lei de memoria democrática

14 anos despois da Lei de memoria histórica aprobada no mandato de Zapatero, o Consello de Ministras e Ministros dá o visto e prace á norma de memoria democrática, que anula as sentenzas dos órganos xudiciais usados para a represión e ilegaliza a fundación que xestiona o Val dos Caídos. 
Escavación en maio en Barranco de Víznar (Granada), nunha fosa común de fusilados en 1936.  (Foto: Álex Cámara / Europa Press)
photo_camera Escavación en maio en Barranco de Víznar (Granada), nunha fosa común de fusilados en 1936. (Foto: Álex Cámara / Europa Press)

O proxecto de Lei de memoria democrática chega esta terza feira á mesa do Consello de Ministros, tras ser desbotado o punto da orde do día na xuntanza da semana pasada, como anunciara o ministro de Presidencia, Relación coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños.

Este texto, que pasará a ser debatido no Congreso e no Senado, chega 14 anos despois da aprobación da Lei de memoria histórica no Goberno encabezado por José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE), e completa algunhas das cuestións que quedaran abertas en 2007, apuntan os medios do Estado, organizándose arredor dos principios de verdade, xustiza, reparación e deber de memoria do dereito humanitario internacional.

Un dos elementos que quedaran pendentes hai década e media foran os xuízos ás vítimas. Esta nova lei declara nulas as sentenzas emitidas durante a guerra civil e a ditadura polos tribunais que considera órganos de represión franquista. Isto anula as condenas dos Consellos de Guerra ou do Tribunal de Orde Pública, así como as purgas nos centros de traballo.

As sentenzas serán nulas independentemente de que a condena fora imposta por razóns políticas, ideolóxicas, relixiosas ou de orientación sexual. Para evitar que as persoas represaliadas ou os seus familiares teñan que optar pola vía xudicial para conseguir a nulidade destes procesos, obterán unha declaración que a certifique.

O proxecto de Lei acaba coa Fundación da Santa Cruz do Val dos Caídos, que xestionaba o recinto, situado na Comunidade de Madrid, e recoñece o dereito das familias de recuperar os restos das persoas sepultadas alí.

Desde o Goberno do Estado sinalouse que a medida que a norma avance no trámite parlamentar, será aprobado un real decreto para regular o espazo, unha vez que a fundación ilegalizada non cumpre cos principios e valores democráticos.

Un informe da Organización das Nacións Unidas en 2014 denunciou as carencias de políticas do Estado e de mecanismos para acceder a memoria democrática.

O PP advirte que revogará a lei da memoria se chega ao Goberno

De igual xeito que o ex presidente Mariano Raxoi cando foi aprobada a Lei de memoria histórica, Pablo Casado, líder do Partido Popular, indicou onte que revogará a norma se chegan ao Goberno do Estado español. Raxoi finalmente deixouna sen orzamento para evitar que se aplicase o texto, mentres Casado avogou por unha "lei de concordia". 

Por outra banda, Unidas Podemos, socio da coalición que dirixe o PSOE, criticou onte por medio da súa voceira, Isabel Serra, que aínda sendo positiva a lei, é insuficiente. Tamén reclama que se permita a demanda de compensacións económicas para as vítimas e que se amplíen os prazos para xulgar os crimes do franquismo durante os anos posteriores á morte de Francisco Franco, así como o cambio de nome do Val dos Caídos.

Comentarios