'Nós Diario' obsequia tres libros sobre as raíñas galegas que a historiografía oficial ocultou

Capas dos libros, deseñadas polo creador Pepe Barro, que recolllen as biografías das raíñas Inés e Xoana de Castro, Urraca e Sancha que agasallará "Nos Diario" nos tres últimos sábados de decembro (Foto: Nós Diario)
Nós Diario obsequia en decembro as lectores e os lectoras con tres volumes que recuperan as biografías da raíñas galegas Sancha, Urraca, Inés e Xoana de Castro. A iniciativa busca botar luz sobre o papel das mulleres no Reino da Galiza e fornecer información para interpretar este tempo histórico chave

O sábado 13 de decembro distribuirase como obsequio con Nós Diario  unha biografía de 80 páxinas das irmás Inés e Xoana de Castro elaborada polas investigadoras Carolina Casal e Carme Varela. Esta primeira entrega terá continuidade o sábado 20 de decembro co libro de 78 páxinas sobre a raíña Urraca, da autoría de Héitor Picallo, pondo remate a este conxunto de publicacións o sábado 27 un volume de 66 paxinas do historiador Simon  Doubleday, que analiza o reinado de Sancha. As tres obras fan parte do proxecto  'As grandes raíñas galegas na historia', presentado por Sermos Galiza S. A. -empresa editora de Nós Diario- e galardoado pola Deputación da Coruña dentro  do III Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza.

Xoana e Inés de Castro. As Rosas de prata devoradas polo poder é o título do volume en que a medievalista Carolina Casal e a escritora Carme Varela se achegan a estas dúas galegas que reinaron na monarquía plurinacional de Castela, Galiza e León e na de Portugal no convulso e decisivo século XIV. Irmás de Fernán Ruis de Castro, o seu matrimonio expresou a influencia do partido galego liderado polos Castro nos reinos cristiáns ibéricos, a súa vontade por modificar a sorte do país nun contexto de perda de poder e a decisión de restaurar a hexemonía da Galiza no espazo cristián  peninsular, como viñera acontecendo nos séculos anteriores.

Carolina Casal e Carme Varela destacan que "Xoana e Inés de Castro a ben seguro caracterizábaas o carácter forte, a destreza diplomática, o tacto no manexo de asuntos políticos, a perspicacia, sagacidade ou tenacidade; condicións todas alleas ás figuras femininas segundo a historiografía tradicional, mais indispensábeis para se desenvolver con soltura dentro da Corte, e aínda máis durante períodos de grandes convulsións políticas, como ocorre no seu caso". Neste sentido, inciden na dimensión política do seu matrimonio no marco dun período de confronto entre as clases dirixentes das diferentes áreas peninsulares.

Casal e Varela, na liña avanzada polo investigador e ensaísta Francisco Rodríguez, explican o papel de Xoana e Inés de Castro no contexto do xurdimento dunha conciencia protonacional na Galiza. A este respecto, apuntan "unha conciencia protonacional xurdida dos intereses conxuntos, políticos e económicos, entre o sector máis importante da nobreza galega, entre eles os Castro, e a burguesía que xurdira na Idade Media a partir do comercio e da artesanía que vai caracterizar os núcleos urbanos que van rexistrar un considerábel aumento do número de habitantes".

O volume Urraca. Totius Gallecie imperatrix, da autoría do investigador e colaborador de Nós Diario Héitor Picallo, percorre a biografía e o tempo político dunha raíña que se fixo chamar a si mesma "emperatriz de toda Galiza". Filla de Afonso VI e nai do emperador nado en Caldas de Reis Afonso VII, coroado como monarca galego por Xelmírez en Compostela, viviu un momento histórico, o século XI e XII, onde o Reino da Galiza se expandía desde o Cantábrico até o río Texo e desde o Atlántico até os Pireneos, alcanzando durante o reinado do seu sucesor Baeza e Úbeda, nas terras do actual Xaén, e por algún tempo tamén Almería.

Picallo apunta que "Urraca, observada nas crónicas como supeditada aos designios do seu proxenitor ou aos dos seus maridos; ora vitimizada ora tida por inestábel, bastante tivo que dicir na historia dunha Galiza que estaba a cabalo de dous tempos: a súa definitiva fragmentación territorial en catro reinos (Castela, Galiza, León e Portugal) e unha das épocas de maior brillo nos ámbitos sociocultural e relixioso, a Era Compostelá". Neste punto, revela "a intención de Urraca de gobernar si ou si, e case a calquera costa en exclusividade, o territorio galego, privándollo por conseguinte ao seu fillo".

O último dos libros publicados dentro do proxecto 'As grandes raíñas galegas na historia' leva por título Sancha. Poder, memoria e axencia feminina na Galiza do século XI, sendo o seu autor o medievalista británico e profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Simon Doubleday. Precisamente, durante o reinado de Sancha a Coroa da Galiza alcanzou un nivel de progreso e desenvolvemento moi importante, atendendo o seu programa de goberno ao proxecto político das clases dirixentes da Galiza nuclear, das que ela facía aparte.

Doubleday desvela de Sancha que "o conxunto das evidencias suxire que foi unha muller galega de gran resistencia física e emocional, capaz de superar a perda repentina e traumática de ambos os pais antes da adolescencia e de adaptarse aos cambios drásticos nos plans que outros fixeran para ela sendo aínda nova". Nesta liña, resalta que "durante décadas, exerceu influencia política e cultural, tanto dentro da Corte como fóra dela. As súas conexións familiares, as intervencións diplomáticas e o seu patrocinio artístico e relixioso contribuíron a neutralizar a resistencia aristocrática".

O historiador explica que "a recuperación da axencia feminina nas figuras de raíñas como Sancha forma parte dun proceso máis amplo de revisión histórica, que busca facer visíbeis as múltiples formas de poder exercidas polas mulleres na Idade Media".

A historia pendente dos dez séculos do Reino da Galiza

A historia da monarquía galega é a historia das súas raíñas. Neste sentido, as relacións de poder nos case dez séculos de existencia do Reino da Galiza non se explican sen o papel político das mulleres que fixeron parte dos núcleos oligárquicos e que actuaron co convencemento e a vontade de exercer como a auténtica clase dirixente nacional. Sancha I no século XI, a súa bisneta Urraca entre os séculos XI e XII e as irmáns Inés e Xoana de Castro no século XIV son un exemplo disto e expresan o poder político da Galiza no espazo cristián peninsular.

Simon Doubleday sinala que "os historiadores da Idade Media tenden con frecuencia a reproducir a marxinación ou o silencio imposto ás mulleres nas fontes escritas medievais. Como ocorre con toda  forma de silenciamento, isto reflicte estruturas de poder, tanto medievais como modernas, nas que as voces masculinas da elite, próximas ao poder eclesiástico ou político, dominaron o relato histórico. O resultado é que, debido ao desequilibrio da evidencia textual, escribir unha biografía dunha muller europea da Idade Media é sempre unha  tarefa complicada, ás veces imposíbel". Precisamente, 'As grandes raíñas galegas na historia' responde á vontade de rachar co ocultamento das grandes mulleres do Reino da Galiza.