Inés de Castro, outra raíña galega para Portugal

ines_castro
photo_camera Sepultura de Inés de Castro no panteón real do mosteiro de Alcobaça. (Foto: Nós Diario).

Foi un instrumento do partido galego naquela convulsa xeopolítica ibérica e europea do século XIV. A súa proposta política aspiraba a rectificar o curso da historia do país tras o proceso de incorporación subordinada mediante a violencia á area castelá, iniciada en 1230 coa morte do rei galego Afonso VIII e respondida con sucesivas rebelións nas décadas seguintes. A súa alternativa programática concretábase na defensa dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos. A súa causa representaba a aposta das clases dirixentes galegas por seguir desenvolvendo as súas potencialidades nacionais fronte a unha Castela que tentaba anulalas.

Fixo parte dunha xinea rebelde entregada a edificar unha Galiza poderosa e dona de seu. Membro do núcleo central de poder da oligarquía do país, os Castro, unha familia descendente directa do rei García, era neta de Fernando Rodríguez de Castro, morto en combate contra as tropas castelás e filla de Pedro Fernández de Castro, educado na corte portuguesa após o falecemento do seu pai. Por parte da nai, ligábase coa destacada familia tramontana dos Lourenzo de Valadares, emparentada, tamén, coa monarquía portuguesa e unida de vello aos propios Castro, até o punto que o seu pai fora educado polo avó materno.

Os Castro

Os fillos de Pedro Fernández de Castro explican a historia da Galiza e da área peninsular no século XIX. Á cabeza, o maior, Fernán Ruíz de Castro, auténtico campión da causa galega até a súa morte no exilio de Baiona en 1377. A continuación, Xoana, coroada como a primeira após o seu matrimonio con Pedro I e enterrada canda unha parte dos nosos reis e raíñas no panteón real da catedral de Santiago de Compostela. E sempre Alvar Pérez de Castro, condestábel de Portugal, conde de Arriolos, en marcha á Galiza tras a morte de Pedro I para proclamar monarca a Fernando o Fermoso e vínculo con aqueles Castro que a finais do século XV ergueron de novo a bandeira da revolta nacional.

A súa relación e voda co rei portugués Pedro I expresou a influencia do partido galego liderado polos Castro e a súa vontade por modificar a sorte do país. Exemplo de nobre galega-portuguesa, chegou á corte de Lisboa arredor de 1340 con pouco máis de 20 anos, comezando unha relación co herdeiro ao trono que se alongou até o seu asasinato en xaneiro de 1355. Nai de catro fillos, Afonso, Xoán, Dinis e Beatriz, perseguidos ao tempo polas mesmas razóns que a nai e excluídos da sucesión á coroa, residiu coa súa parella en Coimbra, destacando os conxugues polos seus apoios no norte do país.

Morreu asasinada pola fracción castelá da corte portuguesa, apoiada polo seu sogro Afonso VI, decidida a rematar coa influencia galega diante do futuro monarca Pedro I e impedir un novo marco de relacións entre Galiza e Portugal que debilitara a posición de poder de Castela. Os propios nomes dos responsábeis deste crime de Estado, exiliados anos máis tarde en Castela e Francia, reinos enfrontados na Galiza, ou os sucesos políticos vividos en Portugal tras o asasinato, cunha revolta liderada no norte do país por Pedro I contra o seu pai, amosaron a natureza política do asasinato, que as recreacións literarias posteriores desfiguraron.

A nosa Inés de Castro

Non foi a nosa primeira raíña nas terras portuguesas. O seu Goberno seguiu unha aureola que viña de vello, comezando por aquela primeira Tereixa, que viviu a un lado e outro do Miño, exercendo do que sempre foi, galega doutro lado do Miño. Naceu para reinar, como a súa irmá Xoana, esposa doutro Pedro I e nai do primoxénito real chamado a reinar nas décadas finais do século XIX e primeiras  do XV se o malfado dun  país derrotado, non vencido, llo permitise. Foi enterrada no mosteiro de Alcobaça, situado a 100 quilómetros ao norte de Lisboa, unha das xoias do gótico portugués actualmente declarado patrimonio da humanidade. Alí, nunha grandiosa tumba de mármore, propia dunha raíña nacional popular, segue pedindo guerra, Inés de Castro, agora xa, "unha nobre galega". 

Comentarios