TOTIUS GALLECIE IMPERATRIX

Urraca, emperatriz de toda a Galiza

Reproducimos aquí un interesante post de Xoán Costa do seu blogue A baloira dos días.

EMPERATRIX

Tal día como o de hoxe, 3 de xaneiro do ano 1115, 900 anos van xa alá, a raiña Dona Urraca, totius Gallecie imperatrix como ela gostaba de asinar, estando en Palencia por cuestións de goberno do reino, doa á igrexa de Compostela o Mosteiro de Camanzo, a igrexa de Merza e a metade da terra de Montes. Este entendemento con Xelmírez, aliado necesario unhas veces e inimigo desprezativo outras, puxo esta muller, e con ela Galiza, no centro da historia europea da primeira metade do século XII. Unha Galiza que tomaba decisións e que estaba ben relacionada no contexto europeu do momento.

Mais a figura de Dona Urraca non foi ben tratada nin pola historia nin pola literatura. Descrita como muller ambiciosa e sen moral,as múltiples loitas entre Urraca e os seus familiares (esposo, irmá, fillo), cos nobres, co clero, foron o contexto idóneo para conformar a visión tan negativa que recibimos desta muller, raíña de Galiza, a través dunhas fontes históricas moi parciais.

Igual un día a TVG fai unha serie sobre o papel desta muller na historia da Galiza. Como fixo a española, a TVE, coa súa raiña Isabel

O maltrato procedente do rei cóntanolo ela mesma: “Vinme forzada a seguir a disposición e arbitrio dos grandes, casándome co cruento, fantástico e tirano rei de Aragón. O cal, non só me deshonraba con torpes palabras senón que moitas veces o meu rostro foi manchado polas súas suxas mans e golpeado polo seu pé”.

O sufrido na revolta burguesa de Compostela cando, segundo se conta, sitiados na catedral Xelmírez foxe disfarzado de mendigo e a raíña se enfronta, a peito descuberto, cos seus agresores, cóntanolo Jerónimo de Zurita:

“Cóllena e arroxándoa ao chan nunha lameira, lanzándose sobre eles como lobos, fan farrapos os seus vestidos, até tal punto que, cos peitos para abaixo, quedou no chan co corpo desvergoñadamente espido e á vista de todos. Chegou o bispo onde xacía a raíña na lama, pisada polas turbas dos agresores e véndoa tan feamente espida e prostrada, transido de dor, pasou e seguiu camiño”

Vaia unha lembranza para ela. Igual un día a TVG fai unha serie sobre o papel desta muller na historia da Galiza. Como fixo a española, a TVE, coa súa raiña Isabel.

Comentarios