sábado 19/06/21

"Non me van amedrentar", advirte Carlos Babío aos Franco

O historiador enfróntase a un xuízo acusado de inxuriar á familia do ditador Francisco Franco. O BNG amosou o seu apoio a este profesional lamentando que se xulgue "a un demócrata por dicir en pleno século XXI que Franco era un ditador e parque dos bens da familia obtivéronos pola vía do roubo".
Reunión de Carlos Babío con representantes do Bloque. (Foto: BNG)
Reunión de Carlos Babío con representantes do Bloque. (Foto: BNG)

Carlos Babío, historiador, defensor da devolución do pazo ao pobo e autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio será xulgado en Madrid por un presunto delito de inxurias continuado contra a familia do ditador Francisco Franco. Ante esta situación Babío alerta: "Non me van amedrentar".

O tamén activista mantivo hoxe unha reunión coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e con outros representantes do partido para analizar a situación. Despois dese encontro, ambas partes sinalaron que chegar ante a Xustiza por este asunto vinculado á memoria histórica é un "auténtico esperpento" e "o mundo ao revés".

O afectado lembrou que a denuncia xa foi arquivada pola vía penal e por iso a levaron pola civil. Ademais, destacou que "o fascismo chamábase franquismo" no Estado español no ano 41. E comparou a situación co que sucedería se o acusaran de inxurias contra Hitler ou Mussolini en Alemaña ou Italia.

"Vaise xulgar a un demócrata por dicir, en pleno século XXI, que Franco era un ditador e parte dos bens da familia Franco obtivéronos pola vía do roubo, como está acreditado no caso de Meirás", lamentou Pontón, que quixo trasladar o "apoio e recoñecemento" do partido ao historiador.

Unha tarefa fundamental para a recuperación

Así comentou que se trata dunha persoa cuxa figura foi fundamental para o "movemento de loita para a recuperación da memoria histórica".

O seu traballo de investigación, xunto co de outras persoas, foi a "base" que permitiu que agora o complexo de Meirás estea nas mans da Avogacía do Estado (aínda que de momento sexa de forma temporal).

Os estudos de Babío permitiron iniciar os procesos xudiciais para a recuperación da propiedade -cuxos mobles son agora o centro da polémica- para a cidadanía.

"Detrás deste ataque directo da familia Franco a Babío hai un intento de amedrentar e silenciar as voces que tratan de dicir ou que pasou non franquismo",  lamentou a nacionalista, que alertou ás e aos achegados de que van conseguir "xustamente o contrario". Igualmente, entende que se vai contra esa persoa porque "é a punta de lanza da loita contra as mentiras do franquismo" na Galiza.

comentarios