Contracultura

Minia Regos: "Interésame bastante a psicoloxía dos personaxes, o onirismo e o simbolismo"

Minia Regos, ilustradora e muralista, combina técnicas dixitais e tradicionais para plasmar un mundo onírico, baixo un estilo moi persoal de suaves trazos e gran detalle, tal e como se poderá apreciar nas súas láminas do 'Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza' de MAOS Innovación Social. 'Nós Diario' incluirá o sábado 17 de setembro unha cartilla para conseguir este cartafol de ilustracións. As lectoras e lectores poderán cubrila cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre o 20 e o 24 de setembro e entregala no quiosco.
O traballo de Minia Regos abrangue ilustración, intervención urbana e muralismo. (Foto: Belén Veleiro)
photo_camera O traballo de Minia Regos abrangue ilustración, intervención urbana e muralismo. (Foto: Belén Veleiro)

—Cales son as súas influencias artísticas e ilustradoras referenciais?
Sería cousa de analizalo con máis detemento pero penso que despois de tanto tempo o meu traballo ten influencias moi variadas, ao longo dos anos funme fixando en moi diversos artistas puntualmente, segundo os meus intereses do momento, artistas, cómic e ilustración de todas as épocas e estilos.

Algunhas influencias déronse a un nivel máis inconsciente, pero considero que nunca deixei de buscar, resultando un proceso acumulativo no que boto man do que me interesa segundo as miñas necesidades. 

—Como definiría o estilo dos seus traballos?
Creo que teño un estilo un tanto cambiante, non me quero fechar a unha soa técnica nin rexistro, gústame poder adaptarme a proxectos de diversa índole enfocados a campos variados. Esto ten os seus pros e as súas contras. Se ben, recoñezo que hai unha tendencia natural ao uso da liña e ao detalle no meu traballo. Ademais interésame bastante a psicoloxía dos personaxes, o onirismo e o simbolismo. 

—Cando afronta un novo proxecto, como é o seu proceso creativo?
Normalmente fago moitos bosquexos e un rebumbio de ideas, xogo coas palabras chave, vexo que me suxiren ou imaxino situacións derivadas delas. Intento documentarme se é preciso e busco modelos como fotografías ou obxectos que me poidan axudar nas representacións.

—En poucos días poderemos ver o Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza, que salientaría do resultado?
O que máis me gusta é ter logrado un aura de misterio ao redor das mulleres que me tocou ilustrar, xa que pertencen a unha época moi afastada e sempre haberá unha parte da historia que non coñecemos, máis aínda contando con que son mulleres. Ademais en ambas, a relixión e espiritualidade estaban presentes na súa vida, o que as fai máis místicas.

—Ilduara Eriz e Sancha I son mulleres relevantes da Galiza do medievo, como foi o proceso de coñecer a súa historia e achegarse a estas figuras para posteriormente plasmalas nas láminas?
Resultou ser un proceso moi interesante, recollín información sobre elas e focalicei o meu traballo nos datos que me chamaron máis a atención. A Ilduara Eriz quixen situala na Capela de San Miguel de Celanova que encargou levantar xunto co seu fillo, xa que é unha xoia histórica única. Tamén fago referencia ao fenómeno astrolóxico que se dá nela cada equinoccio de outono. Ilduara era unha muller moi rica e culta, que viviu nunha situación de certa igualdade con respecto aos homes pero co seu fillo Rosendo dá comezo unha regresión enorme contra os dereitos das mulleres. Por iso situeina pasando dunha estancia iluminada a outra escura.

De Sancha I encantoume redescubrir o Códice do comentario á Apocalipse do Beato de Liébana, que tamén é unha peza de grande importancia, ao que fago referencia no arco de fondo. En Santiago de Compostela está outro dos códices que mandou facer, O Libro de Horas, grazas a esta encarga Sancha conseguiu que Fernando I fora aceptado pola aristocracia que tiña na súa contra, e amoso a Sancha con ese poder de facilitar a Coroa. Gústame que nas dúas estean presentes os libros, quedando patente o poder e importancia que tiveron os mesmos na historia.

—En que proxectos traballa agora?
Teño varios proxectos en standby e coido que non os poderei sacar polo momento, xa que a miña carreira está indo máis cara ao ensino, pero non teño pensado deixar de debuxar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios