O masacre de Noia de 1910

Hai 112 anos, falamos de 26 de novembro de 1910, finaba en Noia, a consecuencia das feridas provocadas polas balas da Garda Civil,  Consuelo Queiro Gómez, unha moza de 16 anos que dous días antes participara nunhas protestas contra o imposto de consumos.

Noia, antiga
photo_camera Noia a comezos do século XX. (Foto: Nós Diario)

O imposto de consumos foi detonante de múltiples protestas na Galiza da segunda metade do século XIX e da primeira década do século XX. O tributo, criado pola lei de reforma tributaria de Mon-Santillán, vixente no Estado español entre 1845 e 1911 e suspendido durante un breve período polo Goberno da I República mereceu a contestación permanente da poboación galega.

O imposto tivo un carácter indirecto, carecendo de ningún tipo de progresividade, significándose por  gravar os bens de primeira necesidade e provocar unha alza nos prezos que favoreceu a carestía da vida e aumentou o desabastecemento das subsistencias. O gravame, obxecto ao tempo dun importante debate doutrinal entre os diferentes actores da política do momento, particularmente entre as diversas correntes do liberalismo,  foi suprimido por unha modificación lexislativa que deu paso a unha nova norma que comezou a gravar as rendas urbanas.

As protestas

21 de novembro de 1910 arredor de 1000 veciños do concello de Noia desprazáronse  á vila para protestar pola alza do imposto de consumos. A concesión por parte da corporación local presidida por Severo Gómez Botana da xestión da recadación do tributo a Francisco Pérez Hermo, implicou unha suba moi importante no prezo da carne de porco, pasando a cobrarse a arroba a 12 reais fronte a sete que custaba anteriormente.

A resposta da poboación no se fixo agardar, enchendo primeiramente as rúas de Noia e reuníndose posteriormente co alcalde que comprometeu unha rápida solución coa comisión, instándoos a que acudiran á localidade tres días máis tarde, coincidindo coa celebración dunha sesión plenaria, a fin de deixar resolto o problema. Porén, o día 24, nunha nova xuntanza co máximo responsábel da corporación, este mudou de opinión, prendendo o lume para unha nova protesta que percorreu a vila e rematou coa intervención desproporcionada doas axentes da orde.

24 de novembro a veciñanza volveu a tomar as vilas de Noia. Após abandonar a Casa do Concello e percorrer a zona do Cantón, dirixiuse  á vivenda do contratista do imposto de consumos Pérez Hermo e de Álvarez, un importante comerciante da localidade, a fin de achegar as súas protestas, aparecendo a residencia deste custodiada por números da Garda Civil, que ordenaron disolverse aos manifestantes.

A Garda Civil contra o pobo

A negativa dos manifestantes a cumprir coas indicacións das forzas da orde, conformadas por axentes da vila pero tamén de concellos veciños como Porto do Son ou Muros, levou a Garda Civil a abrir fogo contra os asistentes, deixando morto a Ricardo Alonso Arias, un mariñeiro no lugar de Manle, na parroquia de Barro que deixaba á muller en cinta e cinco fillos e causando feridas de gravidade a 9 de persoas. Unha delas, Consuelo Queiro Gómez, unha moza vila de 16 anos, morreu dous días máis tarde, permanecendo semandas ingresados no hospital de Compostela, José Ventura Ínsua de 45 anos, Antonio Ríos Ronquete de 15 e Dolores Romero de 17

A resposta da Garda Civil e o asasinato de dúas persoas abriu unha nova fase no conflito. A vila foi paralizada, fechouse o comercio, decretouse unha folga xeral, colocáronse crespóns negras nas vivendas e o Goberno local paralizou temporalmente a suma do imposto de consumos.

O enterro das vítimas convertese nunha grande mobilización de repulsa, sinalando a prensa a presenza de máis 4.000 persoas, iniciándose, ao tempo, unha subscrición popular para recadar fundos para as familias das vítimas, onde se contou co apoio das xentes do Partido Conservador, que vían a ocasión para debilitar o Goberno liberal de Canalejas. O deputado socialista Pablo Iglesias esixiu responsabilidades polo acontecido no Congreso dos Deputados.

A represión xudicial

A solidariedade inicial, fundamentalmente polo impacto das mortes na opinión pública da comarca e de Galiza, non impediu que a represión se cebase contra os organizadores da protesta. Tres deles, Jesús Lago “Sobrado”, Manuel López “Concheiro” e Ramón Lorenzo “O Teso” foron xulgados por un tribunal militar en Compostela en 26 de decembro de 1911. O xuízo presidiuno, na súa condición de capitán do exército, Manuel García Dieguez, de triste lembranza en Compostela, onde foi alcalde entre 1936 e 1938, pola súa participación na represión franquista.

Fe de grallas: O masacre de Noia produciuse en 1910, por conseguinte desde aquela até hoxe transcorreron 112 anos e non 122 anos como se dicía erroneamente na primeira versión deste artigo.

Comentarios