Celso Milleiro: "Marín foi un dos puntos máis potentes da loita obreira na Galiza durante a república"

O investigador Celso Milleiro (A Coruña, 1971) vén de dar ao prelo, en parcería con Xosé Manuel Moreira e editado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, unha historia do período republicano en Marín, onde repasa diferentes aspectos da vida política, social e cultural do concello. Milleiro achega a Nós Diario os aspectos de máis relevo do libro.
Milleiro presenta 'Memorias de sal e terra: Crónica da II República española no concello de Marín (1931-1936)'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Milleiro presenta 'Memorias de sal e terra: Crónica da II República española no concello de Marín (1931-1936)'. (Foto: Nós Diario)

—Que significaría da vida política no Marín republicano?
Habería que distinguir dous aspectos, por un lado a política municipal e por outro lado a política ideolóxica. En canto á política do concello, unha das características a salientar ten a ver cos grandes problemas de salubridade que padecían as rúas da vila. Marín vai experimentar un importante investimento na dotación dos servizos básicos.

A vida municipal transcorre tamén cunha guerra por eliminar funcionarios postos a dedo polas dereitas e pór outros máis próximos polas esquerdas. Nesta tensión destacaría unha moción de censura dun concelleiro agrarista díscolo contra o alcalde socialista, que tiveron que defender os concelleiros da dereita. Mostra evidente de como os conservadores intentaban desestabilizar o Goberno municipal.

En canto á política ideolóxica, a entrada desta nova etapa produciu un boom na formación de novos partidos e a implicación da sociedade neles, mais con ollos nos avatares dos acontecementos políticos que se desenvolvían a nivel do Estado.

—Un dos feitos centrais que estuda é a campaña do Estatuto, que destacaría da mesma?
Sempre asociei o Estatuto de Autonomía coa reivindicación unitaria do nacionalismo para dotarse dun autogoberno, mais teño que engadir que malia ser o Partido Galeguista o motor principal da loita, a implicación sincera doutros sectores ideolóxicos, socialistas e republicanos principalmente, foi decisiva. Outra cousa ben distinta serían as chatas que desde as súas organizacións e os dirixentes estatais porían despois.

O Partido Galeguista non tiña en Marín a afouteza que posuía en concellos próximos como Bueu ou Pontevedra, pese a isto a intervención do alcalde socialista e obreiro Antonio Blanco Solla foi esencial, Os socialistas apostaban por un estatuto en clave marxista.

Sorpréndeme tamén que un estamento dereitoso e clasista, proclive ás teses políticas dos radicais e da CEDA, como era o Liceo Casino celebrase o Día da Galiza engalanando a súa sede con bandeiras galegas. Que enlaza con algo que sempre escoitei na miña casa, como a comezos dos anos sesenta o Liceo Casino da cidade da Coruña remataba os bailes co público en pé entoando o Himno Galego, iso si, só as dúas primeiras estrofas.

—Un dos capítulos do volume achégase á realidade do sindicalismo, que pode sinalar da mesma?
Marín foi un dos puntos máis potentes da loita obreira na Galiza desde finais do século XIX até o golpe de Estado de 1936. Durante ese tempo achegáronse importantes cadros sindicais como Pablo Iglesias, cuxa presenza está documentada, cando menos en catro ocasións, amosando a importancia que tiña a vila no traballo proletario. A II República chega cun anarcosindicalismo moi forte no sector pesqueiro e un sindicalismo socialista moi asentado nos traballos da terra, nos gremios de canteiros, albaneis e carpinteiros, principalmente

As folgas máis duras vainas protagonizar a CNT, como no caso das empacadoras da lonxa, mais a chegada das dereitas ao Goberno do Estado vai desmobilizar seriamente o traballo anarquista, até tal punto que entre 1934 e 1935 está practicamente en fóra de xogo.

Esta crise ben podería ter a súa orixe na presión exercida polo Goberno radical e da CEDA, mais tamén pola marcha do seu líder histórico local, Eduardo Collado Torrente, por desavinzas coas políticas do sindicato.

A raíz da vitoria electoral da Fronte Popular revitalízase de novo a CNT, engadido pola chegada a finais de 1935 de Manuel Fandiño Ricart, o irmán das famosas 'dúas Marías' de Compostela, que vai dar un novo pulo organizativo ao sindicato. Mais de todo isto, destacaría os enfrontamentos entre a CNT e a UXT por facerse ocos nos distintos sectores obreiros.

Comentarios