Desenterrar a memoria

O mapa da infamia fascista na Galiza aínda está por elaborar. O desleixo administrativo, cando non a aberta belixerancia, deixan en mans de militantes e persoas voluntarias traballos como o de exhumación de fosas. Arredor de vinte foron escavadas, pero a singularidade da represión no país engade dificultades ao labor de restitución da memoria. Analizamos este labor cando está próximo a conmemorarse o Día da Galiza Mártir. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 308 de Sermos Galiza.

exhumacion-paramos-(-val-do-dubra)-2016-(2)
photo_camera [Imaxe: SG]

6A igrexa da parroquia de Castroncelos, na Pobra do Brollón, data dos anos 60. Construíuse sobre a planta dun templo anterior, mais cunha orientación diferente. A memoria popular e algunha bibliografía documentaba que nesa terra había restos humanos. En concreto, os dos irmáns García Moral, naturais de Montefurado (Quiroga), e asasinados en setembro de 1936. O pasado mes de xullo, un equipo de voluntarios intentou resgatar os cadáveres. Quedou “a uns centímetros da verdade”.

Entre as persoas que traballaron na escavación -con apoio da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH)- atopábase o arqueólogo Xurxo Ayán. “Foi frustrante”, explica, en declaracións a Sermos Galiza. Dous anos antes, no mesmo lugar, exhumaran o sastre lucense José Rodríguez Silvosa e mais o tratante monfortino, socialista, Ramón Somoza Álvarez. Esta verdade xacía uns centímetros aquén. En abril de 2018, os familiares de Silvosa e Somoza recibiron en acto solemne estes anacos da memoria da infamia. Pero os García Moral continúan debaixo da igrexa de Castroncelos.

“Na Galiza non houbo grandes fosas comúns”, explica Ayán, “senón enterramentos individuais, ou de dúas ou tres persoas. Ademais, moitas persoas asasinadas foron soterradas en adros de igrexas, ou dentro de cemiterios. Iso é unha problemática enorme á hora buscalas”.

O proxecto máis acabado de sistematización da represión na Galiza é o Nomes e Voces da Universidade de Santiago. Segundo os datos que manexa, 4.700 persoas morreron vítimas do fascismo. Destas, 3.233 de xeito “extraxudicial”. Tamén segundo as súas cifras -que veñen concidir coas da ARMH-, arredor dunha vintena de fosas foron escavadas e exhumadas. Non contan as intervencións fanadas, como a de Castroncelos. Ou como a igualmente recente de Saa (Pobra do Brollón) en procura do labrego Jesús Casas González, O Inverno, liquidado pola escuadra negra de Eirexalba.    

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios