Arte e memoria: Celanova completa a restauración do memorial do Furriolo

O deseñador Xosé Vizoso finalizou a reparación do mural do Furriolo, homenaxe á vítimas do franquismo, en colaboración con artistas locais e grazas ás achegas do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Xosé Vizoso durante os traballos de restauración do memorial do Furriolo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xosé Vizoso durante os traballos de restauración do memorial do Furriolo (Foto: Nós Diario).

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova completou esta fin de semana a restauración do memorial do Furriolo, o muro branco no que o artista Xosé Vizoso pintou cadáveres nunha gabia sobre pingas de sangue.

O mural do Furriolo foi a homenaxe que en 2006 o colectivo Arraianos ergueu no monte onde asasinaron ducias de presos do cárcere de Celanova nos "terríbeis paseos" dos anos da guerra e que o deseñador se comprometera a restaurar coa axuda do comité.

Reparación e preservación

Entre o sábado e domingo, en colaboración con dúas artistas de Celanova (Katy) e Xinzo (Ester), cabeceiras das dúas comarcas que divide o monte, Xosé Vizoso realizou a segunda restauración da obra despois da de 2014. 

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sufragou o material e os traballos, nos que tamén colaborou a veciñanza da Bola e Celanova, con fondos propios, e por valor de 490 euros. 

Agora, o comité deseñará un protocolo para contribuír á preservación da obra, cun plan de  conservación anual do memorial e da contorna, unha iniciativa na que busca implicar as Administracións, para que sinalicen e adecúe o espazo como lugar de memoria.

Xosé Vizoso

Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), un dos principais colaboradores de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos.

"Na casa non había cartos para que eu fose a Madrid estudar Belas Artes, pero Juan Puchades, o meu mestre, viu un anuncio en prensa no que pedían xente para formar como decoradores para a planta de cerámicas que estaba en construción. Fun facer o exame. Unha semana despois chegou a carta de Cerámicas do Castro convidándome a ir á planta piloto con todos os gastos pagos e cinco mil pesetas de dietas. Estiven un mes. Despois volvín para a casa, con pezas de louza, e cando rematei aquilo chamáronme para ir para á planta de Cervo. Vin construíla case desde o principio. Eramos sete. Sargadelos inaugurouse en maio do 70. A finais dos oitenta viñen con Isaac Díaz Pardo para o edificio de San Marcos, en Compostela, o que foi o Instituto Galego de Información. Estabamos Díaz Pardo e eu nun edificio de seis mil metros cadrados”.

Comentarios