A Fiscalía recoñece por primeira vez un delito de torturas a mans da Policía franquista
A Fiscalía de Barcelona vén de concluír a investigación emprendida como consecuencia da primeira denuncia interposta ante o Ministerio Público polo caso de torturas que a activista catalá Blanca Serra i Puig sufriu durante o franquismo e a transición na Xefatura policial de Via Laietana, en Barcelona, e pediu en consecuencia o seu arquivo provisional alegando que non puido identificar os autores materiais duns feitos que considera, porén, constitutivos de delito no contexto de crimes contra a humanidade.
Segundo informa nun comunicado esta quinta feira, a Fiscalía procedeu a "presentar denuncia ante o órgano xudicial solicitando o arquivo provisional por falta de autor coñecido". O Ministerio Público, tras analizar o resultado das dilixencias practicadas, recoñece que axentes da chamada Brigada Político-Social detiveron a denunciante e mais a súa irmá polo único motivo da súa actividade política de oposición á ditadura, así como que se exerceu contra elas violencia física e psíquica co fin de obter información e conseguir unha confesión, o que lles provocou secuelas traumáticas.
Ademais, considera que os feitos tiveron lugar no contexto de persecución e de represión política instaurada polo franquismo e no marco dun "réxime institucionalizado de opresión sistemática e xeneralizada", e ademais atribúe a Serra i Puig a condición de vítima do franquismo, de acordo coa vixente Lei de Memoria Democrática.
A denuncia foi presentada por Irídia-Centre per la Defensa dels Drets Humans, co apoio de Òmnium Cultural e da Organización Mundial Contra a Tortura (OMCT), e está previsto que esta mesma quinta feira pola tarde a denunciante valore a decisión de Fiscalía nunha comparecencia ante os medios.
A pioneira querela de Manuel Reboiras
O Tribunal de Instancia 2 de Padrón (O Sar) acordou en xuño pasado abrir unha investigación xudicial polas torturas sufridas por Manuel Reboiras —irmán de Moncho Reboiras— o 28 de setembro de 1975 nun contexto de crimes contra a humanidade, requirindo información documental ao Arquivo Histórico Nacional, ao Centro Documental da Memoria Histórica e á Dirección Xeral da Policía.
Manuel Reboiras querelouse polas torturas sufridas durante dúas detencións, unha o 28 de setembro de 1975 en Padrón e unha segunda o 18 de xuño de 1976 no monte do Castro (na cidade de Vigo). O auto é consecuencia da estimación dun recurso de reforma formulado por Fiscalía e a revogación do Auto do mesmo Xulgado de data 12 de decembro de 2024, que acordou o sobresemento libre o o arquivo da causa por prescrición. Trátase da primeira admisión a trámite na Galiza dunha querela na que foron denunciados crimes franquistas.
