A Federación Galiza Cultura organiza unha xornada de recuperación e dignificación de Castelao no 40 aniversario da traída dos seus restos

‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación’ terá lugar este sábado 29 de xuño no Museo do Pobo galego, en Compostela

castelao
photo_camera Momento no que os restos de Castelao entran en Santo Domingos de Bonaval (Foto: Xan Carballa)

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza este sábado no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, a xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación’, coincidindo co cuadraxésimo aniversario da traída dos seus restos a Santo Domingos de Bonaval.

A xornada, que reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas, ten por obxecto, en sendas quendas de mañá e tarde, “analizar o contexto cultural, social e político no que esta traída se realizou, recuperar o pensamento e a obra do político galego e a analizar a súa vixencia na actualidade”.

Deste modo, informa Galiza Cultura a través dun comunicado, a programación da mañá prevé comezar ás 9:45 horas coa presentación a cargo de Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura, e Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega.

A seguir desenvolveranse, sucesivamente, tres palestras que terán como eixo, precisamente, dar contexto á traída dos restos de Castelao, o seu pensamento político e como na actualidade está a ser tratada e dignificada a súa figura.

Así, a partir das 10 horas, terá lugar a palestra ‘As razóns dun conflicto’, cargo de Francisco Rodríguez, historiador, profesor e escritor, que será introducido por Pilar Allegue, profesora de filosofía e escritora, actividade que porá o marco “a respecto da situación creada por quen se apropiou da figura de Castelao naquel momento para traer os seus restos e a última vontade do político galego antes da súa morte, antagónica coa situación política que a aquela altura se vivía”.

A seguir, ás 10:30 horas, será a quenda da palestra ‘O pensamento de Castelao’ a cargo de Manuel Rei Romeu, docente e escritor, coa introdución de Lucía Veciño, graduada en Historia e secretaria da Fundación Galiza Sempre, na que se abordará o pensamento e obra de Castelao e a súa significación e importancia a aquela altura na sociedade galega e a súa influencia na política galega.

Ao seu remate, e desde as 11 horas, terá lugar a terceira palestra da mañá baixo o título ‘Castelao 40 anos despois’, a cargo de Pilar García Negro, profesora e escritora, con introdución de Alberte Ansede, profesor e presidente da Fundación Manuel María, cunha achega a situación actual a respecto da figura de Castelao, o tratamento e dignificación do seu pensamento e a vixencia na nosa sociedade.

A quenda da mañá pecharase a partir das 12:30 horas cunha mesa redonda, ‘A vitoria de non xurar’, presentada por Guillerme Vázquez, licenciado en medicina e cirurxía, profesor e ex portavoz nacional do BNG, na que participarán Lois Diéguez, escritor, e Claudio López Garrido, economista, ambos os dous parlamentarios do BN-PG expulsados do Parlamento galego en novembro de 1982, así como a proxección dun audiovisual de Bautista Álvarez, tamén, xunto cos anteriores, expulsado naquela altura, que profundarán no sistema e marco políticos e na situación xerada no sistema de partidos e as consecuencias nos anos posteriores.

Xa pola tarde, e desde as 16 horas, a xornada terá continuidade coa proxección dun audiovisual sobre a contorna e a propia data da traída dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984, prólogo á mesa redonda ‘Verdade e dignidade na información’, coa participación dos xornalistas Tareixa Navaza, Xan Carballa e Afonso Eiré, moderada por Margarita Ledo Andión, xornalista, escritora e cineasta. Eles e elas achegarán, desde a perspectiva dos medios de comunicación, como se viviu aquela xornada, a cobertura realizada e o impacto mediático que tivo nunha sociedade sen redes sociais, sen apenas medios de comunicación televisivos e a retransmisión en vivo efectuada. Esta actividade baixará o pano da xornada logo de abrir un coloquio entre as persoas asistentes.

Dadas as limitacións de cabida, é necesaria a anotación previa nesta xornada, dando prioridade á orde de inscrición, pudendo facerse esta unicamente a través do correo da Federación, isto é [email protected].

Con todo, esta xornada estase a realizar ao tempo dunha campaña que se desenvolve en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego. Deste xeito, a Federación Galiza Cultura repartiu estas semanas, en distintos estabelecementos libreiros, de xeito gratuíto, cartalaría que louva a figura de Castelao animando á merca da súa obra nestes comercios libreiros acollidos á campaña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios