Familiares de Alexandre Bóveda e de Amancio Caamaño adhírense á querela contra o franquismo

As descendentes do galeguista e do ex presidente da Deputación de Pontevedra asinarán a denuncia arxentina contra os crimes da ditadura,
Alexandre Bóveda
photo_camera Moitas persoas asasinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísimos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas (Fundación Alexandre Bóveda]

Familiares de Alexandre Bóveda e do  ex presidente da Deputación de Pontevedra, Amancio Caamaño, ambos os dous asasinados polos golpistas franquistas, asinarán a querela arxentina contra os crimes do franquismo, a denuncia interposta ante un xulgado penal do país sudamericano polos delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977.

Esta decisión materializarase nun acto institucional que terá lugar este sábado 16 de novembro ás 12:00 horas, no marco dunhas xornadas sobre memoria histórica organizadas pola Deputación de Pontevedra e nas que intervirán, entre outros, representantes da coordinadora  CeaQua.

O neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, destacou que "fan falta políticas de memoria" porque aínda hoxe seguen vixentes sentenzas firmes "nas que as persoas asasinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísimos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas". Ademais, afea que o Estado español non dese pasos neste sentido.

Segundo os datos facilitados na rolda de prensa, actualmente están presentadas e en diferentes fases xudiciais máis de 600 querelas que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo.

Na Galiza estímanse que entre os xuízos sumarísimos e as persoas paseadas poderían estar afectadas máis de 5.000 familias de vítimas.

Apoio fronte á Lei de Aministía da Transición

A xornalista Montse Fajardo, representante da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), fixo un chamamento ás familias para que saiban que teñen apoio da súa entidade ou da Deputación para loitar fronte á Lei de Amnistía da Transición, que definiu como "un muro”.

Pola súa banda, a deputada María Ortega lembrou que a día de hoxe seguen vixentes condenas por "traizón á patria" de persoas como Alexandre Bóveda, e remarcou o chamamento para que as familias poidan adherirse á querela.

Comentarios