A Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires asume a causa das persoas desaparecidas do Estado

Inés Ollero tiña 21 años cando desapareceu. Era militante da Federación Xuvenil Comunista da Arxentina e o 19 de xullo de 1977 non regresou á casa. Testemuños de ex detidas situárona por última vez nas dependencias sinistras da Escola de Mecánica da Armada (ESMA). Orixinaria de Allariz, é unha das 27 galegas por cuxa desaparición durante a ditadura se querelou a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.
federación manifestación desaparecidos
photo_camera Pancarta da Federación de Asociacións Galegas nunha manifestación contra a ditadura nun recente 24 de marzo. O segundo pola dereita é Paco Lores, histórico presidente da entidade xa falecido. Foto: periódico 'Galicia'.

A denuncia data xa de 2006, cando o Goberno de Néstor Kirchner anulou as leis de Obediencia Debida e Punto Final que, aprobadas na restauración da democracia en 1983, exculpaban os militares de responsabilidades na violenta represión desencadeada a partir de 1976. Abríronse así as denominadas causas por delitos de lesa humanidade. “Personámonos en tres causas como Federación”, explica a Sermos Galiza o actual presidente da asociación, Diego Martínez Duro, “contra o primeiro e o segundo corpo do exército e contra a Mariña”.

diego martínez duro FAGRAÁ querela da Federación adscribíronse, de entrada, familiares de galegos ou de fillos de galegos menores de idade. Todos eles tiñan nacionalidade española. “Fixémolo de acordo coas familias, claro”, sinala. Trátase das 27 vítimas presentadas en tres escritos o 18 de xullo de 2006, o 7 de marzo de 2007 e o 10 de xuño de 2008. Eran as galegas identificadas entre as 30.000 desaparecidas do réxime de Videla.

Mais a desidia e inacción do Estado español ao respecto destes procesos -segundo o último informe da Fiscalía do Goberno arxentino, hai 611 en trámite- produciu un singular efecto. Familiares de desaparecidos do resto do Estado español acabaron por contactar coa Federación de Asociacións Galegas para se sumar ás súas querelas, até máis dun cento. “Acabamos facendo a representación de toda a cidadanía española”, afirma Martínez Duro, “porque o español é o único Estado con desaparecidos que non se persoa nas causas”.

O dirixente da entidade lembra como Francia ou Xapón si se presentaron nos xuízos de lesa humanidade en defensa de cidadáns desaparecidos. Mesmo Israel, debido ás persoas xudeas que caeron na ditadura. Ou Alemaña, persoada pola desaparición do escritor Héctor Germán Oesterheld, guionista do Eternauta casado cunha muller galega. “Mais España non se move e a xustiza engade españois e españolas á nosa causa. Pero é que se o Estado español non o fai pola xente asasinada na Guerra Civil, menos o vai facer polos de Arxentina”, asegura.

A acción xudicial da Federación inclúe un caso previo ao golpe de Estado de marzo de 1976, un home desaparecido cando a Triple AAA (Alianza Anticomunista Arxentina) se aliaba con importante sectores do Goberno de Isabel Perón. “Nin sequera figura nun monumento aos desaparecidos porque desapareceu en democracia”, puntualiza Martínez Duro.

O caso Comandante Estévez

O traballo da Federación, que sufraga ela mesma os avogados, deu recentemente lugar a un importante episodio do que informan no seu periódico Galicia: a paralización da excarceración do represor Sergio Raúl Nazario, Comandante Estévez. A defensa deste militar, considerado “partícipe necesario no homicidio agravado de 19 persoas” no centro clandestino de detención Garaxe Olimpo, pediu a súa saída de prisión. O tribunal impediuno en base ao escrito presentado pola agrupación de asociacións galegas.

A Federación é, de feito, “o único querelante da colectividade española” na causa do célebre e terrorífico Garaxe Olimpo. “Existen probas que demostran que se desempeñou no Olimpo, onde foi coautor de delitos de lesa humanidade”, reza o texto. Hai documentadas 12 desaparacións de galegas no Olimpo.

A Federación de Asociacións Galegas

A Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, con sede na rúa Chacabuco 955, naceu en 1921. Axuntou tradicionalmente os sectores máis progresistas da emigración galega na Arxentina e editou o periódico Galicia, dirixido durante anos polo escritor Eduardo Blanco Amor.

Nota: o actual presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina Diego Martínez Duro.

Comentarios